Friday 22 de November de 2024

Pasodobres e bandas sonoras, este domingo no XV Certame de Bandas de Música Populares do Concello de Lousame


A cita musical terá lugar este domingo 29 de outubro, ás 18:00 horas, no polideportivo municipal Pilar Barreiro (A Silva)

 

A banda de música de Ordes e a banda de música de Lousame protagonizan a décimo quinta edición do Certame de Bandas de Música Populares, que como todos os anos ten lugar en homenaxe a Prudencio Romo. O concerto terá lugar este domingo 29 de outubro, ás 18:00 horas, no polideportivo Pilar Barreiro. A entrada é libre e de balde.

 

Un festival que foi presentado esta mañá polo concelleiro de Obras e Servizos Públicos, Ramón Martínez Rial, o director da Banda de Música de Lousame, Marcos Pereiro e a presidenta da Asociación Prudencio Romo, Isabel Gómez Molares. Esta última agradeceu efusivamente a colaboración do Concello de Lousame, xa que “sen eles, por moitas ideas e ilusións que tiveramos non iamos chegar a ningún lado”. A súa vez, animou a xente a acercarse a participar na xornada, eloxiando a orixinalidade do evento.

 

Un novo programa

 

Ademais dos clásicos pasodobres e muiñeiras, o programa deste domingo amplía o seu repertorio para incluír música de películas enfocadas ao público infantil, para así mostrarlles aos nenos e as nenas “que a banda tamén é un sitio para eles”, asegura Marcos Pereiro, director da Banda de Música de Lousame.

 

O concerto terá unha duración aproximada de hora e media, con dous tempos de 45 minutos para cada unha das bandas. Ramón Martínez destacou que “en vista de como está o tempo, preferimos facer o concerto no pavillón da Silva, que ten gañado moito en acústica cos últimos arranxos, e non arriscarnos como pasou no verán, que tivemos que adiar o certame por mor da chuvia”.