Friday 22 de November de 2024

O Concello continúa coas actividades de apoio ás persoas que coidan familiares dependentes


O Concello continúa cos programas municipais de apoio ás persoas coidadoras de familiares dependentes: Descubrindo emocións e Coidando emocións. Son actividades terapéuticas para afrontar un cambio drástico nas vidas das persoas que coidan, que impacta a nivel laboral, familiar e social, para o que se ofrece un apoio para reducir a aparición de trastornos psicolóxicos derivados da situación.

A atención continuada dun familiar cunha enfermidade crónica provoca na persoa coidadora un esgotamento físico, emocional e social, unha fatiga psicolóxica que irremediablemente incide en aspectos físicos, psicolóxicos e sociais da vida cotiá. A través desta actividade do Concello as persoas participantes adquiren estratexias para manexar dunha forma axeitada a situación de estrés coa que se conviven. Ademais, con este traballo de grupo, as persoas toman conciencia da súa situación e rescatan a súa identidade, dedicándose máis tempo a si mesmos, compartindo sentimentos, aprendendo como reducir o nivel de tensión e expresándose de xeito libre para achegarse a un mellor benestar.

Para obter máis información sobre estas actividades é posible dirixirse á Concellería de Servizos Sociais e Igualdade, ao teléfono 981610000 ou ao correo s.sociais@oleiros.org.