A directora de Turismo de Galicia participou na inauguración do Foro Trives 2015, ‘Iniciativas e propostas de desenvolvemento rural que tivo lugar no auditorio da localidade
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou na inauguración do Foro Trives 2015, Iniciativas e propostas de desenvolvemento rural que tivo lugar no auditorio da localidade.
Na súa intervención, a responsable de Turismo da Xunta analizou os numerosos recursos que atesoura o destino turístico Manzaneda-Trevinca.
Así, Nava Castro falou da estación de montaña de Manzaneda como un atractivo turístico con enorme potencialidade. Neste senso, a directora de Turismo de Galicia afirmou que esta estación está contribuíndo a afianzar o posicionamento de Galicia como destino turístico diferencial e a impulsar a desestacionalización da demanda.
A responsable de Turismo da Xunta resaltou que esta estación de esquí e montaña, non está reservada exclusivamente á época de neve, senón que actúa como polo de atracción turística e elemento dinamizador da zona durante todo o ano grazas ás numerosas actividades deportivas e de ocio que alí se poden desenvolver e os programas sociais e culturais para nenos e adultos.
Así mesmo, a directora de Turismo de Galicia destacou que o deporte asociado ao turismo enriquece a experiencia dos que nos visitan e axuda a coñecer de preto algunhas das paisaxes máis espectaculares do destino. Neste senso, sinalou que a práctica do esquí, o sendeirismo ou bicicleta de montaña, a escalada, ou outras moitas das actividades que pódense practicar na Estación de Manzaneda, incentivan o contacto coa natureza, primeira motivación pola que os turistas e viaxeiros elixen Galicia como destino. “O feito de contar na nosa comunidade cunha estación de montaña enriquece a oferta turística de Galicia e consolida o noso destino como un modelo sostible”, afirmou Nava Castro.
Por outra parte, a responsable de Turismo da Xunta resaltou a importancia do recoñecemento obtido coa certificación Starlight que avala A Veiga como destino turístico astronómico.
Nava Castro explicou que esta certificación constitúe un selo de calidade que acredita que este concello ourensán posúe unha boa calidade do firmamento como parte do seu patrimonio natural, paisaxístico, cultural ou científico. “A Veiga uniuse, así, a un mapa no que só están outros 13 puntos no planeta, o selecto club dos mellores lugares para gozar do ceo, sen dubida, un privilexio para toda Galicia”, sinalou.
Afondando nos numerosos recursos turísticos que atesoura este xeodestino ourensán, a responsable de Turismo da Xunta fixo referencia ao parque natural da Serra da Enciña da Lastra, o val do río Navea, o Macizo Central, a vila de Manzaneda ou espazo declarado Rede Natura Pena Trevinca, entre outros.
Senda de crecemento
Con todo, a directora de Turismo de Galicia afirmou que o xeodestino Manzaneda-Trevinca está a contribuír a acadar a consolidación da nosa comunidade como un destino ambiental, social e economicamente sostible e a continuar na senda do crecemento no sector turístico.
Neste senso, sinalou que nos primeiros dez meses do ano, a provincia de Ourense albergou nos seus establecementos hoteleiros a 246.198 viaxeiros, o que supuxo un incremento do 9,5%, en relación ao mesmo período do pasado ano. “A estadía media tamén aumentou, nun 0,5% neste caso, e a ocupación incrementouse en 2,26 puntos porcentuais”, afirmou.
“Contribuír a incrementar estas cifras e complementar a magnífica oferta paisaxística e natural con actividades que permitan o goce da mesma en conexión coa natureza debe ser o obxectivo deste xeodestino que constitúe todo un paraíso tanto para os visitantes como para os galegos”, concluíu a directora de Turismo de Galicia.