Saturday 16 de November de 2024

O Concello selecciona as imaxes que ilustrarán o calendario municipal do 2024


O xurado, composto por fotoxornalistas e membros da corporación, valorou a calidade das instantáneas presentadas e a variedade de espazos e recursos empregados

O Concello da Coruña seleccionou esta semana as 13 imaxes que formarán parte do calendario municipal do 2024. O xurado reuniuse para analizar as diferentes propostas achegadas durante as últimas semanas, cumprindo coa tradición de editar un almanaque formado por imaxes de fotógrafos afeccionados da cidade.

Este concurso está, como cada ano, aberto á participación cidadá e as fotografías deben tomarse no termo municipal da Coruña. Nas imaxes é necesario destacar o patrimonio cultural, histórico, natural e paisaxístico da cidade. O xurado tivo en conta a calidade técnica e a orixinalidade da imaxe.

O xurado estivo formado polos fotoxornalistas César Quián, Víctor Echave e Pedro Puig.

Tamén estivo integrado por Andy Pérez, responsable de fotografía do Concello. A alcaldesa, Inés Rey, e os membros da corporación Francisco Díaz Gallego, Roberto Coira e Francisco Jorquera, tamén formaron parte do xurado. Xunto ás 13 imaxes seleccionadas (12 para os meses do ano e unha para a portada), o almanaque completarase con fotografías históricas da cidade para cada un dos meses do ano.

Os autores e autoras das imaxes gañadoras e que formarán parte do calendario municipal son as seguintes:
● Portada: Alberto Vázquez Núñez
● Xaneiro: Eduardo Mosqueira Rey
● Febreiro: Saturio Maderuelo García
● Marzo: Angelica Pardo Casal
● Abril: Alberto Quijada Loures
● Maio: María José Vázquez Pazos
● Xuño: Felisindo Novoa Álvarez

● Xullo: Montse Costa Fresquet
● Agosto: Íñigo Rolán Taboada
● Setembro: Cosme Martínez Naya
● Outubro: Jéssica Dopico Tuimil
● Novembro: David Couce Rodríguez
● Decembro: Juanpa Ameneiros González

As persoas gañadoras recibirán un libro de fotografía e un ano de acceso gratuíto aos Museos Científicos Coruñeses para dúas persoas.