Friday 22 de November de 2024

O goberno municipal reúnese coa veciñanza da parroquia de Olveiros


O goberno local mantivo onte unha reunión coa veciñanza de Olveira para abordar as necesidades da parroquia.

O encontro aberto tivo o propósito de “escoitar activamente as propostas e necesidades demellora” segundo afirmou o rexedor, e nel tratáronse temas relacionados co mantemento, limpeza, alumeado e saneamento. A veciñanza expuxo así mesmo necesidades relativas á ampliación de mobiliario urbano e á dinamización cultural da parroquia.

O equipo de goberno, pola súa parte, comprometeuse a atender canto antes ditas necesidades, aínda que algunhas cuestións requirirán tempo para poder executarse. Tamén explicou o estado do saneamento de Campelos, cuxas obras xa comezaron, así como tamén se comprometeu a solicitar á Xunta a reforma integral do colexio de Olveira. Luís Pérez e Suárez Puerta afirmaron que se “van a presentar enmendas aos orzamentos da Xunta para solicitar que se inclúa a reforma do edificio que permita mellorar a envolvente térmica, a accesibilidade e a seguridade”.

Durante a reunión tamén se abordou a necesidade de dinamizar e revitalizar a parroquia no ámbito cultural e ambiental, xa que é preciso “poñer en valor o Parque Natural” segundo afirmou a concelleira de Medioambiente Antía Alberte.

Tódolos membros do equipo de goberno escoitaron activamente as suxerencias e propostas da veciñanza; e comprometéronse a traballar para mellorar a limpeza e o saneamento, ampliar mobiliario urbano -papeleiras, bancos- e trasladar aos organismos competentes as cuestións relacionadas co Parque Natural e a reforma do colexio.

Na xuntanza estiveron presentes o alcalde de Ribeira, Luís Pérez, os tenentes de alcalde, Vicente Mariño, Francisco Suárez-Puerta, Xabier Vidal e os edís, Antía Alberte e Fernando Abraldes.