Friday 22 de November de 2024

Comezou en Santo Tomé e Príncipe O IV Foro Municipalista da Lusofonía, con representación do concello


Os edís José Ramón Martínez Barbeito e Rocío López presentarán proxectos de éxito en xestión ambiental realizados na Laracha.

Os concelleiros José Ramón Martínez Barbeito e Rocío López xa están no país centroafricano de Santo Tomé e Príncipe para participar nesta semana no IV Foro Municipalista da Lusofonía organizado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade baixo o lema ‘Gobernanza local para o desenvolvemento sostible’. Os obxectivos do evento son promover o intercambio de experiencias na xestión municipal, incrementar o coñecemento sobre a realidade do Sur Global e fomentar alianzas internacionais.

O secretario xeral de Finanzas do Goberno Rexional do Príncipe, Verdigal Mendonça, recibiu en Santo Tomé aos representantes locais e rexionais chegados, ademais da Laracha -e doutros municipios galegos como Gondomar, Allariz, Burela e Nigrán-, desde Brasil, Cabo Verde, Guinea-Bissau, Mozambique e Portugal. A delegación reuniuse para dar pasos cara a constitución formal da Rede de Autoridades Locais da Lusofonía coa fin de poñer en marcha proxectos de envergadura que contribúan ao cumprimento da Axenda 2030 nos municipios galegos e os dos países de lingua oficial portuguesa.

Durante estes días os representantes do Concello da Laracha participarán nas sesións do evento sobre ‘Desafíos da gobernanza e instrumentos innovadores para o desenvolvemento sustentable’ e ‘A coordinación sectorial para o equilibrio económico, social e sustentable’, nas que exporán as claves da xestión municipal en materia medioambiental, centrándose especificamente no proxecto ‘Alanat’ e na primeira actuación piloto que está prevista na área verde do parque empresarial. Outras iniciativas que se detallarán son a posta en valor da Ribeira de San Fins, o proxecto de creación dun centro de transformación agroalimentaria en Cumiáns e as boas prácticas municipais en materia de recollida de residuos sólidos urbanos.