Friday 22 de November de 2024

A Xunta desembarca no Womex da Coruña con 21 empresas e 47 proxectos musicais de GalicianTunes


— A Consellería de Cultura coordina e promove a delegación profesional e artística galega, que ten como epicentro da súa actividade o ‘stand’ instalado en Palexco

— Caamaño & Ameixeiras representou a música galega no espectáculo de apertura do encontro, que tamén seleccionou a Baiuca, Ailá e Trilitrate

Máis de 2600 profesionais da industria musical dun cento de países danse cita na Coruña co gallo da 29ª edición de Womex, o mercado de referencia internacional para as músicas do mundo e de raíz, que se desenvolve desde hoxe e ata o domingo en diferentes espazos da cidade. Esta mesma tarde deu comezo a actividade feiral no Palexco, onde o stand da Xunta, baixo a marca GalicianTunes, ocupa un espazo central para facilitar o traballo das 21 empresas galegas inscritas como parte desta delegación e a difusión dun catálogo integrado por 47 proxectos musicais.

A música galega ten tamén unha destacada presenza no cartel internacional de concertos deseñado pola organización de Womex, que arrancou este serán co espectáculo inaugural Resounding Picasso: Celebrating de Master’s Journey e as actuacións do dúo galego Caamaño & Ameixeiras xunto con Karmeto (Castela-A Mancha), Niño Josele (Andalucía) e Tarta Relena (Cataluña).

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, interveu nesta Opening Night para lles dar a benvida, en nome da Xunta de Galicia, aos delegados internacionais acreditados, aos que convidou a “seguir descubrindo e contribuíndo á expansión mundial da nosa enorme riqueza musical”.

As novas xeracións do folk galego en escena
O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades fixo referencia á gran tradición musical de Galicia como “insignia dun inmenso patrimonio cultural”, ao tempo que puxo o foco no potencial internacional das novas xeracións do folk/trad galego. A este respecto, destacou a calidade das catro bandas que representan á nosa Comunidade na programación de showcases elaborada por Womex: ademais de Caamaño & Ameixeiras, Baiuca tocará na noite do venres na carpa do Parrote como parte da selección oficial que cada ano elixe un prestixioso xurado internacional, mentres que Ailá e Trilitrate actuarán o sábado no escenario Atlantic Connections, instalado no Teatro Rosalía Castro e a través do que se celebrarán os nosos fondos vínculos culturais e históricos con América Latina.

“Sodes unha comunidade multicultural, integradora e solidaria que se comunica no idioma común da música e da que a música galega leva xa moitos anos sentíndose partícipe de modo activo”, engadiu Jacobo Sutil, quen lle agradeceu á organización desta feira itinerante a elección da Coruña como anfitrioa desta terceira edición galega de Womex, tras as exitosas experiencias na Cidade da Cultura de Galicia e outros escenarios de Santiago de Compostela nos anos 2014 e 2016.

Recepción aos delegados
Ademais de darlle apoio á actividade empresarial e de negocio das compañías galegas desde o stand de GalicianTunes, a Xunta organiza unha serie de accións promocionais para reforzar esta difusión. Así, por exemplo, mañá mesmo ofreceráselles aos delegados internacionais unha recepción no Sky Lounge da Sala Pelícano, na que actuará o Grupo de Música Tradicional da Xunta e para a que xa está confirmada a asistencia dun centenar de persoas, entre as que se atopan representantes de festivais, compañías distribuidoras e empresas de management.

Ao tempo, durante a celebración do evento a Consellería de Cultura, Educación FP e Universidades fará un seguimento especial da presenza galega en Womex a través da web e das redes sociais de GalicianTunes. O catálogo de empresas e artistas será difundido tamén a través da plataforma en liña VirtualWomex, que reúne unha comunidade de máis de 22.400 profesionais, 12.000 empresas e 9000 artistas de todo o mundo.