A programación da Worldwide Music Expo deu comezo este mércores cun Opening na honra de Pablo Picasso ao cumprirse hoxe 142 anos do seu nacemento
A alcaldesa de A Coruña, Inés Rey, participou este mércores na xornada inaugural de WOMEX, o evento musical para profesionais máis importante do mundo e que reúne estes días na cidade a máis de 3.000 persoas. Durante o seu discurso, Rey destacou que “a cidade de A Coruña e este evento que é WOMEX compartimos a mesma idea de globalismo, pois somos unha das poucas cidades enclavadas en mar aberto, o que nos dota dunha mirade especial e aberta ao mundo”.
O acto de apertura arrincou no Pazo da Ópera ás 20:00 horas cunhas intervencións das autoridades presentes como o director de WOMEX, Alex Walker; o director da Axencia Galega das Industrias Culturais AGADIC, Jacobo Sutil; e a propia rexedora da Coruña, Inés Rey.
Posteriormente deu comezo o espectáculo ‘Resounding Picasso. Celebrating The Master’s Journey’ na honra ao pintor por cumprirse este 25 de outubro o 142 aniversario do seu nacemento. As actuacións musicais correron a cargo de Niño Josele, Caamaño&Ameixeiras, Karmento e Tarta Relena, catro formacións dos catro lugares que serviron de inspiración para a súa obra: Málaga, A Coruña, Castela-A Mancha e Barcelona.
A Coruña, unha cidade de espírito modernista e forte identidade local
A alcaldesa da Coruña aproveitou tamén o seu discurso para enfatizar que a cidade logrou ser a sede de WOMEX23 polo seu espírito modernista e unha forte identidade local.
Características que, entre outras, converten A Coruña “nunha gran referencia da música enEspaña e líder en Galicia”, afirmou a rexedora. “A celebración de WOMEX 2023 é o culmen dun ano de inmensa actividade, de grandes eventos musicais que, na súa totalidade, contan cun valor engadido: a propia cidade. E é que non entendemos a música sen a súa contorna, por iso convertemos o rico patrimonio urbanístico da Coruña nun aliciente máis”, subliñou Inés Rey.
Un patrimonio moi ligado, destacou a rexedora, ás expresións artísticas do pintor máis importante do século XX, Pablo Ruíz Picasso. O artista viviu na cidade da Coruña entre 1891 e 1895, anos decisivos na súa adolescencia nos que desenvolveu a súa técnica e forxou unha mirada artística a través das persoas que ía coñecendo e os lugares que ía descubrindo, como o porto coruñés ou a Torre de Hércules, a cal debuxou.