Friday 22 de November de 2024

Mercedes Rosón denuncia “desleixo e desinterese do bipartito na protección patrimonial” nas obras da rúa das Oblatas


Explica que unha empresa de servizos está acometendo unha actuación para a instalación de subministro eléctrico “taladrando directamente as pedras do enlosado, destrozando o camiño e deixando tras de si un regueiro de formigón que despois tentarán tapar con pedra nova, todo un exemplo do bo facer”

Santiago de Compostela, 25 de outubro de 2023. Un “regueiro de formigón” está deixando tras de si as obras que está acometendo unha empresa de servizos na rúa das Oblatas. É o que denuncian desde as filas socialistas ante o “desleixo e desinterese do bipartito na protección patrimonial” nunha zona que, recorda Mercedes Rosón, entra dentro do Plan Especial.

Rosón critica a mala praxe coa que se está acometendo esta actuación, primeiro deixando tras de si un “regueiro de formigón” na zona asfaltada, aplicando un tipo de asfalto diferente ao preexistente e que podería rematar por afundir co paso do tempo.

Agora que se está actuando nunha zona de enlosado de pedra, critica que se están “taladrando directamente as pedras e destrozando o camiño”. Explica a que fora concelleira de Urbanismo que, o modo de actuación habitual nestes casos é a retirada das pedras previamente para realizar a instalación e a súa recolocación ao final “non tratar a zona como se fose unha canteira” ironiza Rosón cualificando esta actuando te “todo un exemplo do bo facer”.

Cualifica de escandaloso o “permitir un maltrato desta magnitude nas rúas históricas” máis aínda, tendo en conta os requisitos que se lle poñen a calquera particular se quere acometer unha obra dentro desta zona de protección”. Co agravante de que, segundo explica a edil socialista, xa se lle deron varias chamadas de atención ao concelleiro de Obras, ante as que “preferiu aplicar o mutis por el foro”. Unha actitude que amosa “falta de control e moito desinterese” sentenciou Mercedes Rosón.