Renováronse os pavimentos da calzada e as beirarrúas, dándolles uniformidade con respecto ás rúas lindeiras. Ademais, tamén se remodelaron as redes de saneamento e iluminación pública
O Goberno de Inés Rey avanza no seu plan de melloras no barrio de Monte Alto. Xa están licitados os traballos de instalación das escaleiras mecánicas de Adelaida Muro e a reurbanización da rampla do Matadoiro
O Concello da Coruña completou esta semana os traballos para a reordenación da rúa San Xosé, no barrio de Monte Alto, unha intervención que comezou a inicios de maio e que supuxo a reurbanización integral dos espazos públicos comprendidos desde a praza Juan Manuel Iglesias Mato ‘Palau’ ata o cruzamento entre San Xosé e a rúa da Torre.
Esta actuación, promovida pola Área de Economía e Planificación Urbana, levouse a cabo co obxectivo xeral de mellorar as condicións de accesibilidade na propia rúa San Xosé e baixo as seguintes premisas: ampliar as zonas destinadas a itinerarios peonís, acometer a renovación da calzada, a instalación dunha rede de recollida de augas pluviais, a remodelación da rede asociada ás augas residuais e, ademais, a renovación dos báculos de iluminación pública.
As obras supuxeron a renovación de 563 metros cadrados de superficie na calzada, así como de 471 metros cadrados de beirarrúa —dos que 131 corresponderon á ampliación dos itinerarios peonís a ambos os lados da calzada—. A este respecto, e co obxectivo de harmonizar a estética da rúa San Xosé e facela máis semellante á da praza ‘Palau’ e á da rúa da Torre, formulouse unha solución en forma de plataforma única con firmes diferenciados nos espazos peonís e no carril destinado ao tráfico rodado polo treito central da rúa.
A distinción de pavimentos na plataforma única
A renovación e ampliación das beirarrúas da rúa San Xosé executouse coa disposición de baldosas granalladas de 40×40. Ademais, nos casos dos tres pasos peonís situados nos cruzamentos coa rúa da Torre, a travesía de San Xosé e a rúa Atocha Alta tamén se colocaron firmes podotáctiles para facilitar a accesibilidade e orientación das persoas invidentes. No referente ao firme no treito de tráfico rodado, dispuxéronse lousas de formigón armado desactivado.
Estes materiais escolléronse para dar uniformidade á imaxe da rúa San Xosé con respecto ás rúas lindeiras, seguindo unha dinámica similar á executada en outros enclaves do barrio, como a travesía da Torre, remodelada o ano pasado. O proxecto enmárcase dentro do plan de humanización da cidad posto en marcha polo Goberno de Inés Rey desde o 2019 e que permitiu xa gañar máis de 56.000 metros cadrados de zonas peonís.
Renovación da rede de saneamento e a iluminación
Ademais, no contexto dos traballos, tamén se levou a cabo a renovación da rede de saneamento da rúa, o que supuxo a substitución dos antigos colectores, feitos con gres eformigón e con 200 mm de diámetro exterior, por uns novos de PVC e cun diámetro máis amplo, de 315 mm. Baixo estes parámetros, ademais de renovarse os materiais, apostouse por un diámetro exterior que reforce a seguridade fronte a posibles fugas.
En paralelo, o Concello promoveu a renovación das lámpadas da rúa San Xosé, substituíndo os antigos báculos, xa obsoletos, por novos dispositivos LED. Aproveitando esta intervenciónconcreta, tamén se soterraron as liñas de iluminación que anteriormente estaban grampadas nas fachadas dos edificios da rúa.
Continuidade ao plan de melloras no barrio de Monte Alto
Tras culminar a reurbanización da rúa San Xosé, o Goberno de Inés Rey avanza no seu plan de melloras urbanísticas no barrio de Monte Alto, onde continúan as obras de demolición previas á remodelación do mercado municipal, que será modernizado.
Ademais, xa saíron a licitación os traballos para acometer a instalación das escaleiras mecánicas destinadas a mellorar a accesibilidade entre as rúas Adelaida Muro e Ángel Rebollo, así como as obras de reurbanización da rampla do Matadoiro, dúas intervencións cofinanciadas con fondos Next Generation acadados polo Concello este ano.