O motociclismo de campo protagonizou o panorama deportivo da Pobra do Caramiñal na pasada fin de semana. A Liga Trial Box chegou pola primeira vez á localidade, converténdoa na terceira parada e sede coruñesa neste 2023. Arredor de sesenta pilotos procedentes de Galicia, Asturias, Castela e León e Portugal citáronse na mañá do día 22 de outubro na parroquia de Santo Isidro de Posmarcos. Esta competición dividiuse en cinco categorías, segundo a dificultade do circuíto habilitado na contorna natural do lugar, con zonas de terra, pedra, lama e auga para medi-la habilidade na superación dos obstáculos.
Con relación a isto, o concelleiro dos Deportes, Eloy Sobrido, quen asistiu á entrega de premios xunto con representantes da comunidade de montes, incide na relevancia deste evento que chega pola primeira vez ao municipio e que “é exemplo do dinamismo deportivo existente, ademais de posibilita-la exhibición doutras disciplinas como é o caso do trial.” O edil tamén precisa que a Administración local colaborou no ámbito loxístico para contribuír a un correcto desenvolvemento en condicións de seguridade.
José e Jorge Suárez acadaron o podio no TR1. No TR2, o ouro foi para Jacobo Suárez, a prata para Paulo Ballas e o bronce para Joaquín Diéguez. Marcos Antepazo logrou a vitoria no TR3, seguido de Ángel Leiros e Santi Villanueva. Javier Fernández, José Luis Carballedo e Santiago Aguiño conseguiron o TR4. E, no TR5, os mellores resultados correspondéronse con Giovani Nevoa, Óscar Pazos e Miyagui Devesa.
Cinco probas no total integran a Liga Trial Box, que comezou na Peroxa (11 de febreiro) para seguir en Lugo (26 de marzo), A Pobra (22 de outubro), Manzaneda (18-19 de novembro) e Vigo (17 de decembro).