A directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos, resaltou que a transparencia “é unha ferramenta de control nas mans dos cidadáns, un medio de loita contra a corrupción, unha vía de participación política e unha maneira de poñer en valor datos públicos que doutro xeito non se aproveitarían”
A EGAP acolleu a inauguración do curso monográfico “A posta en marcha da transparencia activa e pasiva”, que terá lugar durante dous días na sede deste organismo e no que se analizará a aplicación da Lei estatal 19/2013 do 9 de decembro, sobre transparencia, acceso á información e bo goberno, que é de obrigado cumprimento en tódalas comunidades autónomas e entidades locais a partir de hoxe. Este curso, no que participan preto de 200 persoas, pretende ademais darlles a coñecer aos asistentes as disposicións de transparencia activa e pasiva que recolle a lexislación estatal, a que obriga ás administracións, que dereitos teñen os cidadáns e os procedementos de actuación.
Na inauguración participaron a directora da EGAP, Sonia Rodríguez Campos; a presidenta do Consello de Transparencia e Bo Goberno, Mª Esther Arizmendi Gutiérrez, e o director do curso, Martín María Razquín Lizarraga.
Durante a súa intervención, a directora da EGAP destacou a importancia da lei estatal de transparencia “xa que supón un importante avance e establece uns estándares homologables ao resto de democracias consolidadas”. Esta normativa verase reforzada no futuro coa nova Lei de Transparencia de Bo Goberno autonómica, que vén de aprobar o Consello da Xunta e que nestes momentos está en trámite parlamentario. “Esta lei autonómica permitirá situar á Xunta á cabeza de tódalas administracións no que respecta á transparencia e ao libre acceso dos cidadáns á información”, apuntou.
Sonia Rodríguez-Campos subliñou que a transparencia é “unha ferramenta de control nas mans dos cidadáns, un medio de loita contra a corrupción, unha vía de participación política e unha maneira de poñer en valor datos públicos que doutro xeito non se aproveitarían”.
Nesta liña afirmou que “o acceso á información de gobernos e administracións públicas é unha esixencia cidadá que as democracias avanzadas teñen que satisfacer. A información pública é propiedade da cidadanía e non dos gobernos. Os cidadáns teñen o dereito a unha información clara sobre as decisións das administracións con incidencia nos intereses públicos”.
Pola súa banda, a presidenta do Consello de Transparencia e Bo Goberno, María Esther Arizmendi Gutiérrez, destacou a importancia da entrada en vigor da lei en todas as comunidades autónomas e entidades locais a partir de hoxe “co que a transparencia alcanza xa a todas as administracións públicas. Esta lei permite aos cidadáns ser máis sabios, críticos, responsables e participativos coas decisións que tomen as administracións. Os cidadáns deben ser esixentes cos gobernos. É unha lei básica, necesaria, moi agardada e valente”, afirmou.
Na súa intervención recordou que o Consello de Transparencia e Bo Goberno recibiu durante o seu primeiro ano de funcionamento un total de 844 iniciativas cidadás, das que 426 foron reclamacións, 271 informacións ao cidadán, 101 consultas sobre a aplicación e 21 denuncias polo seu incumprimento. Pola súa banda, o Portal de Transparencia publicou durante este ano máis de 800.000 datos e recibiu máis de 4 millóns de visitas.
O catedrático de Dereito administrativo da Universidade de Navarra e director do curso, Martín María Razquín, sinalou que “se ten que producir un cambio de actitude por parte das administracións públicas. Os cidadáns teñen que perder o medo á transparencia”. María Esther Arizmendi foi a encargada de dar a conferencia inaugural deste actividade formativa baixo o título ´A transparencia, valor da Administración`. De seguido, interveu o director do curso, Martín María Razquín, cos relatorios O dereito de acceso: principios e límites e O procedemento de acceso: diagramas e exemplos prácticos.
Xa por la tarde, o curso continuará coa participación do catedrático de Dereito administrativo da Universidade de Cádiz, Severiano Fernández Ramos. A súa intervención centrarase na publicidade activa.
Segundo día do curso monográfico
O control das obrigas de transparencia: órganos de control, infraccións e sancións serán analizadas no primeiro dos relatorios mañá por Marcos Almeida Cerreda, profesor da Universidade de Santiago. A continuación, Víctor Almonacid Lamelas, secretario do Concello de Alzira e director do Observatorio de Administración electrónica e Transparencia, falará sobre a administración electrónica, soporte da transparencia.
O curso rematará pola mañá coa participación do catedrático de Dereito constitucional e consultor externo, Rafael Jiménez Asensio, que exporá os impactos organizativos da transparencia nas administracións públicas.