Neda vén de acadar 41.091 euros no marco da convocatoria de subvencións autonómicas para a adecuación das súas instalacións deportivas. Así, o Concello e Vicepresidencia Primeira da Xunta cofinanciarán obras de mellora no pavillón de San Isidro, que levará o nome de Ale de Paz, como no campo de fútbol Juanito González.
Por unha banda, a subvención acadada permitirá mellorar a seguridade no polideportivo municipal, grazas á instalación dunha liña de vida, destinada a facilitar os traballos en altura que se desenvolvan nesta instalación deportiva.
En paralelo, no capítulo de melloras, inclúese unha partida para dar un paso máis na posta a punto do campo de fútbol. Así, tras as intervencións desenvolvidas durante a pasada lexislatura- entre outras, o acondicionamento do peche perimetral e a ampliación da cuberta das bancadas- agora completarase a mellora das gradas, unha demanda dos afeccionados. O investimento neste equipamento deportivo incluirá ademais a adquisición de banquillos.
O Concello de Neda, que mantén a súa aposta por renovar e modernizar as súas instalacións para o fomento do deporte, presentou a esta convocatoria de axudas un proxecto por importe superior aos 51.000 euros, e consegue pois que a administración autonómica subvencione o 80 %.