A saúde mental centrou o coloquio ofrecido na tarde do día 24 de outubro por parte da integradora social de Andaina Pro Saúde Mental, Tania Lavandeira, baixo o título Falamos? Desmontando mitos sobre a conduta suicida.
Esta acción chegou ao Auditorio do Museo Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal ao abeiro do programa integral no ámbito rural para a mellora na detección e intervención en casos de risco de suicidio.
A concelleira dos Servizos Sociais, Amparo Cerecedo, explica que se continúa así en materia de sensibilización sobre un tema que atinxe toda a sociedade. De feito, precisa que antes do verán tivo lugar unha xornada formativa orientada exclusivamente a persoal dos Servizos Sociais e dos ámbitos educativo e sanitario.
Engade que, a maiores, a biblioteca municipal Victoriano García Martí conta xa cun punto de lectura permanente composto por títulos para tódalas idades que abordan a saúde mental.