O Concello de Frades apoia a concentración pola mellora da atención primaria no municipio e confirma a asistencia do Grupo de Goberno e o peche das oficinas municipais este venres, de 10:30 a 12:00 horas, para facilitar a asistencia
Lamenta que o PSOE volva romper a unidade de acción dos tres grupos municipais cando apenas se compren 25 días do Pleno Municipal no que se solicitara esa unión
“Queremos médico/a en Abellá XA!”. Así reza a pancarta que o Concello de Frades vén de colocar na fachada da casa consistorial en defensa da calidade da sanidade no municipio e para esixirlle á Xunta de Galicia unha inmediata solución aos problemas de falta de facultativos que sufre o concello. Unha decisión proposta polo alcalde, Roberto Rey Martínez, e acordada cos grupos municipais da oposición: PSOE e BNG.
Tal e como se comprometera na sesión plenaria do pasado 28 de setembro, Roberto Rey informou aos voceiros da oposición de que xa está solicitada a entrevista conxunta co conselleiro de Sanidade, se ben aínda non está fixada a data, así como que dende a Consellería confirmaron que a praza de médico vacante en Ponte Carreira pola xubilación do seu titular sairá a concurso a finais deste mes, xa que non foi posible incluíla na queda de mediados de outubro.
Este atraso, unido ao malestar veciñal xerado por unha nova estancia de servizos especiais no Exército da médica titular do consultorio de Abellá, a día de hoxe xa reincorporada no consultorio, motivou que o alcalde se puxera en contacto cos voceiros municipais “para propoñerlles a colocación desta pancarta na casa do concello para exteriorizar tamén o noso malestar pola situación do consultorio de Abellá. Somos conscientes de que a titular ten dereito a solicitar estas excedencias, pero esta situación está a prexudicar seriamente a atención sanitaria que reciben os veciños e veciñas da parroquia”.
Concentración socialista
Por outra banda, o Concello de Frades apoiará a concentración pola mellora da atención primaria no municipio convocada para o vindeiro venres 27 de outubro, ás 11:00 horas, diante do consultorio de Abellá polos socialistas de Frades. O equipo de Goberno confirma tamén a súa presencia no acto. Ademais, como xa fixera o pasado mes de xullo, o Concello de Frades volverá pechar as súas portas entre as 10:30 e as 12:00 horas do venres 27 de outubro para que as e os empregados públicos que o desexen poidan tamén asistir á concentración.
O Concello de Frades lamenta que o grupo municipal socialista volva unha vez máis romper a unidade de acción en materia sanitaria, sobre todo cando vén de requirila durante a presentación dunha moción na sesión plenaria de setembro. A pesar de que nesa xornada populares e socialistas foron quen de sacar adiante unha moción do PSOE emendada conxuntamente, esta convocatoria unilateral volve quebrar a confianza no compromiso acadado entre os tres partidos.
A primeira foi o pasado mes de xullo, cando os socialistas convocaron unilateralmente unha concentración semellante á que só convidaron á veciñanza e a cargos vinculados ao PSOE provincia, desprezando tamén o ofrecemento á unidade en todo aquelo que fora positivo para os veciños e veciñas, tal e como manifestou o alcalde no seu discurso de toma de posesión.
Sen embargo, e a pesar desta nova deslealdade por parte do grupo municipal socialista de Frades, o Grupo de Goberno ratifica o seu total compromiso coa veciñanza, na esixencia de 2 médicos para Frades e participará na concentración deste venres.