Faise para mellorar a corresponsabilidade fiscal ante o posible establecemento de regras estatais que limiten o emprego de remanentes.
Este xoves celebrarase unha sesión extraordinaria do Pleno á que serán elevadas as propostas de modificación das catro ordenanzas ordenanzas fiscais reguladoras dos impostos sobre bens inmobles (IBI), vehículos de tracción mecánica (IVTM) e actividades económica (IAE), así como da taxa de recollida de lixo, que xa foron sometidas a ditame da Comisión Informativa de Facenda e Especial de Contas.
Estas propostas fanse ante a necesidade dos Concellos de mellorar a corresponsabilidade fiscal nun momento no que se están negociando a volta das regras fiscais que poderían limitar o emprego dos remanentes de tesourería para afrontar gastos necesarios en cada exercicio que garantan o mantemento de todos os servizos municipais que se prestan á veciñanza.
No caso do IBI, o tipo impositivo actualizaríase quedando establecido no 0,44 % tanto para os bens rústicos como os urbanos e manténdose por debaixo da media da comarca (0,51 % en urbana e 0,60 % en rústica). Conservaríanse as bonificacións para familias numerosas e inmobles con actividades económicas declaradas de interese ou utilidade municipal, e regularíase por primeira vez para vivendas de protección oficial.
A última actualización do tipo impositivo IVTM data do ano 2013, hai máis dunha década. En lugar do coeficiente fixo actual, no caso do acordo plenario pasará a ser progresivo dun mínimo do 1,25 e un máximo de 1,40 para vehículos que superen os 20 cabalos fiscais. Mantéñense as bonificacións aplicables a vehículos históricos e a aqueles con motores que non presentan incidencias sobre o medio ambiente, incluíndo por primeira vez os que empregan gas licuado de petróleo (GLP).
A modificación da ordenanza reguladora do IAE consistiría na creación dunha categoría fiscal específica por ubicación das empresas.
En canto á ordenanza reguladora da taxa de lixo, a última modificación foi no ano 2012. Agora proponse o cambio para que a recadación cubra unha maior porcentaxe do custe do servizo -transporte e tratamento en Sogama, ademais de programas como a recollida de voluminosos a domicilio e a implantación do contedor marrón de orgánicos-, que debería ser autosuficiente pero é deficitario ao non alcanzar o 58 %, tendo que financiarse a parte restante con outras partidas orzamentarias municipais. Non obstante, seguirase aplicando o desconto do 10 % nos recibos mentres se manteña a bonificación polo canon de Sogama.