As persoas maiores de 60 anos gozarán do Xantar de Confraternidade que terá lugar na Pobra do Caramiñal no 17 de novembro. Esta cita agarda sentar á mesa arredor de 850 comensais nunha xornada que arrancará ás 14.00 horas, no polideportivo municipal de Venecia.
A concelleira dos Servizos Municipais, Estefanía Ramos, apunta que esta gran xuntanza para estreitar lazos entre veciñanza procedente dos municipios da comarca estará amenizada polos Caraveiros no momento da recepción e polo Trío Mar Davila durante a tarde. Así mesmo, a edil agradece a disposición das empresas que contribuirán á realización desta cita. Contarase, ademais, coa colaboración da Protección Civil, especialmente para organiza-la entrada ao pavillón, e o servizo da ambulancia que se activa habitualmente en actos multitudinarios.
Pola súa parte, a técnica municipal, Sara Sánchez, explica que o período para se anotar abrangue do día 30 de outubro ao 14 de novembro, ámbolos dous inclusive. O trámite formalizarase no primeiro andar da casa consistorial, en horario de 09.30 a 14.00 horas. Deberase efectua-lo pagamento de 15 euros por persoa, contía que se deberá aboar preferiblemente mediante a tarxeta.