A Worldwide Music Expo acollerá desde este mércores e ata o domingo concertos, conferencias ou documentais sobre a cultura e a música de diferentes partes do mundo
Unhas 3.000 persoas están xa a cidade da Coruña para participar no festival WOMEX (Worldwide Music Expo), considerado como o encontro musical máis internacional e diverso do mundo. A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, recolleu o pasado ano en Lisboa o testemuño para desenvolver este espectacular evento na cidade herculina, unha mostra máis de que A Coruña é unha das urbes europeas con maior proxección a nivel turístico e tamén en capacidade estrutural para acoller eventos como WOMEX.
En cada edición, ao redor de 5.000 persoas relacionadas coa música de raíz, étnica, tradicional, jazz, sons urbanos e electrónicos ou o folk danse cita nunha cidade importante a nivel turístico para apoiar e fortalecer o papel da cultura no mundo así como difundir os seus valores ao tempo que se promove a creatividade e a música. Todo un compendio de actividades que contribúen ao entendemento intercultural dun xeito diverso.
Segundo Inés Rey, “esta cita segue consolidando a nosa cidade como unha referencia na organización de eventos culturais non só en España, senón tamén en Europa. E proba distoé precisamente a multiculturaridade que podemos apreciar estes días nas rúas e espazos coruñeses, onde xente de diferentes parte do mundo gozan da cultura en todo o seu significado”.
Xornada inaugural en homenaxe a Picasso
WOMEX 23 comezará este mércores cun Opening no que se celebrará a vida de innovación artística continua de Pablo Picasso. Baixo o título ‘Resounding Picasso: Celebrating The Master’s Journey’, catro bandas e artístas das cidades e comunidades que marcaron a vida do pintor actuarán a partir das 20.00 horas no Palacio da Ópera.
O andaluz Niño Josele onde Picasso naceu; Caamaño&Ameixeiras de Galicia, onde iniciou a súa andaina artística; a manchega Karmento y Tarta Relena de Cataluña, onde realizou a súa primeira exposición e conectou cos artistas máis vanguarditas, serán as formación que actúen mañá pola noite. Unha viaxe artística e musical que levará ao público para descubrir a banda sonora da vida e obra de Picasso.
Cinco xornadas coa diversidade cultural e musical como protagonistas
PALEXCO, o Pazo da Ópera, o Parrote e diferentes localizacións como o Teatro Colón e o Rosalía de Castro, a Sala Pelícano, o Playa Club e a Filmoteca de Galicia acollerán durante cinco días actuacións de artistas nacionais e internacionais, así como máis dunha decena de documentais e actividades para apoiar e visibilizar diferentes culturas do mundo.
A todo isto hai que sumarlle a disposición de máis de 250 postos nos que a xente poderá coñecer a preservación e promoción de varios estilos e xéneros musicais de países como España, Bélxica, Estados Unidos, Dinamarca, Francia, Italia, Líbano, Polonia, Bosnia Herzegovina, Finlandia, Mali, Sudáfrica, Portugal, Venezuela, Uganda, Senegal, Reino Unido, Canadá, Ghana, Colombia ou Siria, entre outros.