Ante o negacionismo e a banalización da violencia machista, é urxente un compromiso político e orzamentario firme por parte de todas as institucións. Máis aínda nun contexto no que vimos de ver como no que vai de 2022 aumentaron os feminicidios tanto en Galiza como no conxunto do Estado. Esta situación, que se dá ademais nun contexto sociopolítico de avance dos discursos machistas, debe facer saltar todas as alertas nas administracións públicas e levar á revisión dos mecanismos previstos para mellorar a prevención e a intervención, así como para concienciar á sociedade das consecuencias do patriarcado e da falsidade dos discursos que cuestionan a súa existencia.
O pasado 13 de outubro o Observatorio de Violencia do Consello Xeral do Poder Xudicial facía públicos os datos máis recentes respecto da violencia contra a muller na estatística xudicial, que nos permiten ver unha parte da súa enorme dimensión ao térense rexistrado no primeiro semestre de 2023 un total de 1707 denuncias. Pola súa banda, na Memoria 2023 (Exercicio 2022) da Fiscalía de Galiza recónllese máis de 5.000 delitos incoados como violencia de xénero e máis de 1.600 contra a liberdade e a indemnidade sexual.
Por outra banda, un dos ámbitos que máis preocupa ás persoas expertas é o do lecer o ocio nocturno e o coñecemento de violacións e agresións sexuais en grupo e por parte de agresores mozos. Lamentablemente, no verán de 2023 coñecemos agresións sexuais múltiples a través dos medios de comunicación que nos recordan a necesidade de avanzar, como é o caso da violación de dous agresores no Porriño a unha moza no contexto dunhas festas ou a agresión sexual tamén cometida por dous mozos a unha moza nas festas de Monforte en agosto e recentemente vimos de coñecer polos medios de comunicación outra agresión sexual múltiple en Sarria. Aínda que o Parlamento galego acordou, a proposta do BNG, impulsar un Protocolo específico para este ámbito en febreiro de 2023, e a Xunta afirmou que estaría listo antes do verán, continúa sen estar activado.
A violencia machista debe ser unha prioridade política, social e institucional de primeira orde e fronte a efemérides rituais e baleiras de contido, temos unha responsabilidade colectiva á hora de fixar novos compromisos como adecuar as axudas á escalada de prezos e comprometer máis recursos, así como esixir o cumprimento daquelas cuestións que aínda están sen desenvolver da Lei galega contra a violencia machista, como é a atención psicolóxica na atención primaria.
Por todo o exposto, o Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego someterá a debate e aprobación polo Pleno esta moción, propondo a adopción do seguinte ACORDO:
1.- Expresar o seu rexeitamento ante o avance dos discursos negacionistas e banalizadores da violencia machista, e a súa preocupación ante os retrocesos en dereitos que está a impulsar a dereita en diversas institucións no conxunto do Estado malia o aumento dos feminicidios que estamos a vivir durante o 2022, así como o seu apoio ás demandas do feminismo galego e ás convocatorias impulsadas ao abeiro do 25 de novembro de 2023.
2.- Instar á Xunta de Galiza a incrementar os recursos económicos destinados especificamente a loitar contra a violencia de xénero do proxecto de orzamentos de 2024 de forma que se sitúen como mínimo, no 1% do total e así dotar de suficientes recursos para que se rectifique a liña de incumprimento da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero en aspectos como a atención psicolóxica na atención primaria (artigo 25) e se avance en medidas concretas como elevar as contías da prestación periódica (artigo 39) para actualizalas conforme ao incremento do IPC.
3.- Instar á Xunta de Galiza a incrementar os esforzos na prevención e na loita contra a violencia sexual, acelerando os traballos encamiñados ao cumprimento dos acordos parlamentarios en materia de aprobación e aplicación dun protocolo de prevención e intervención fronte agresións sexuais no marco do ocio nocturno e impulsando no curso 2023/2024 unha campaña específica sobre a violencia sexual e os recursos no ámbito do ensino secundario e universitario para espallar o seu coñecemento entre a poboación máis nova.
4.- Demandar da Xunta de Galiza a aprobación dun programa de ampliación e extensión dos CIM a través das seguintes medidas:
4.1 O incremento da achega económica do programa de axudas e subvencións de apoio aos CIM co obxectivo de reforzar e ampliar a rede galega de CIM facendo especial énfase na creación destes centros naqueles concellos e comarcas nos que actualmente non existen ou están sobrecargados.
4.2 A contía económica máxima que a Xunta de Galiza achegará para o financiamento dos CIM a través da liña de axudas anual terá en conta a fixación de ratio mínimas de persoal que deberán estabelecerse en función do número de mulleres potencialmente usuarias do servizo así como a contratación a xornada completa, como mínimo, de todo o persoal que sexa obrigatorio para a acreditación do CIM. Así mesmo, o Programa de apoio aos CIM procurará que o orzamento garanta non só o pagamento dos custes de persoal e de mantemento senón tamén o desenvolvemento de actividades e programas de prevención da violencia machista e a promoción da igualdade.
4.3 Impulso das actuacións necesarias para que a normativa que regula os CIM amplíe o persoal mínimo para a acreditación dos centros para incorporar novos perfís profesionais, nomeadamente, persoal técnico en igualdade e persoal administrativo.
5.- Ademais, apoiaremos que en todas as actividades municipais que se desenvolvan sigan a difundirse de forma transversal, independentemente da parcela da que dependan: servizos sociais, cultura, ensino, deportes….valores como a igualdade de xénero, a non violencia, a comunicación e o diálogo, o respecto pola diferenza, a inclusión, o benestar emocional e afectivo como un dereito. Todos eles valores que nos permiten non só loitar pola igualdade e contra a violencia de xénero senón por unha sociedade mais xusta, solidaria, respectuosa e igualitaria, onde o xénero non sexa un elemento de discriminación e ningún ámbito.