Friday 22 de November de 2024

O BNG de Culleredo aposta pola licitación dos servizos sen contrato como garante do servizo público e a seguridade xurídica


No Pleno Extraordinario celebrado hoxe en Culleredo, o BNG mantivo a súa aposta decidida pola licitación dos servizos sen contrato como a única vía para garantir a calidade dos servizos públicos e dar seguridade xurídica ao concello e ás traballadoras das empresas concesionarias.
Esta situación supón que o Concello non poida reclamar ante as empresas que prestan estes servizos cuestións como a suciedade nas nosas rúas ou a pésima calidade da auga potable que chega as nosas casas.
O BNG lamenta un acordo que se limita a unha declaración de intencións, que non aporta solución algunha e que supón unha nova oportunidade perdida polo Partido Popular para aclarar realmente a situación de tódolos servizos municipais sen contrato.

No Pleno Extraordinario celebrado hoxe no Concello de Culleredo, cun único punto na Orde do Día referente ao “estado actual administrativo e operativo dos contratos caducados e prorrogados irregularmente polo Concello de Culleredo coas entidades mercantís Xalo Obras y Servicios S.L. e JardínCelas S.L.” o BNG mantivo a súa postura respecto de tódolos servizos municipais que actualmente se prestan sen contrato: a licitación é a única vía legal para dar garantías da calidade do servizo público e ofertar seguridade xurídica ás traballadoras e traballadores, ás empresas e ao propio Concello.

A pesar de que o interese do Grupo Municipal do Partido Popular, promotor deste Pleno Extraordinario, cínguese exclusivamente a certos servizos, o BNG leva anos reclamando a necesidade inmediata de licitar tódolos servizos que actualmente se prestan de forma ilegal, sen contrato nin concesión, incluíndo os contratos de xestión da auga potable, da axuda a domicilio, da limpeza viaria e de edificios públicos, da xardinería… para poder reclamar das empresas concesionarias servizos públicos de calidade. A actual situación impide que poidamos reclamar a empresas sen contrato as consecuencias de ter as nosas rúas cheas de lixo ou de que ás billas da nosa casa chegue auga chea de lodo.

A Lei de Contratos do Sector Público é ben clara respecto da duración máxima dos contratos e das súas prórrogas, polo que é ben sinxelo de prever o momento no que se debe programar a publicación de novas licitacións. A este respecto sinala que “poderase prorrogar o contrato orixinario até que comece a execución dun novo contrato e, en todo caso, por un periodo máximo de nove meses”. Sen embargo, o goberno municipal parece non telo tan claro e acumula retrasos na licitación de servizos de máis de 10 anos. Non existen razóns para a inacción do goberno municipal a este respecto máis alá da incompetencia ou manter esta situación de ilegalidade de forma deliberada.

Segundo o portavoz dos nacionalistas cullerdenses, Tono Chouciño, “o goberno municipal do PSOE é o único culpable de non ter licitado estes servizos durante os últimos 10 anos. Son cómplices das empresas que agora incumpren os dereitos das traballadoras e que non abonan os seus salarios en tempo e forma. O goberno municipal non ten excusa para ter sometidas ás traballadoras destas empresas á continua inseguridade laboral, nin á veciñanza de Culleredo á resignación duns servizos públicos deficientes. A veciñanza de Culleredo está farta de brindis ao sol, e o BNG manterá a contundencia nas súas accións para reclamar a licitación dos contratos dos servizos públicos.”