Friday 22 de November de 2024

Unha boia intelixente controla xa en tempo real a calidade da auga da praia de Oza


É a primeira estación desta índole de Galicia e permite levar a cabo un control exhaustivo dos principais datos de análise da auga

O Concello da Coruña vén de poñer en marcha un sistema para o control e a vixilancia da calidade ambiental das augas de baño da praia de Oza, que se engloba dentro do Sistema de Xestión Ambiental do Servizo de Medio Ambiente do Concello.

Este proxecto forma parte do conxunto de medidas que contén a Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Integrado (EIDUS), ao servizo da cidadanía e os principais axentes implicados na xestión da calidade ambiental.

O dispositivo, que xa está en funcionamento, supuxo a instalación dunha boia intelixente dotada dunha estación multiparamétrica para a avaliación da calidade das augas de baño en tempo real de maneira remota. Entre os parámetros que se controlarán están a temperatura da auga, o pH, a condutividade, o osíxeno disolto, a salinidade e os sólidos disoltos totais, entre outros. Os datos rexistrados estarán dispoñibles na web de calidade ambiental municipal de Coruña Sostible.

A boia instalada, a primeira desta índole de Galicia, ten un corpo sumerxible flotante de 1.250 mm de diámetro. Dispón de protección contra actos vandálicos, un módulo GPS que permite o seu geoposicionamiento e un sistema de envío de avisos de incidencias en caso de desprazamento do seu punto de fondeo. O Goberno de Inés Rey amosa con este proxecto o seu compromiso coa consecución dos obxectivos da Estratexia de Desenvolvemento Sostible 2030, marcada polo Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico.

O custo da instalación foi 51.346,60€, dos cales o 80% contou con financiamento da Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).