Salienta que o contract é a gran industria da obra a medida que achega enormes posibilidades para as empresas galegas en eidos como a hostalería e o ocio, o sector téxtil e comercial, os complexos residenciais ou incluso de servizos sociais
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, subliñou hoxe que empresas como o Grupo Cándido Hermida son a proba de que Galicia pode seguir creando emprego de calidade e superando o seu índice de exportacións. Así o manifestou durante unha visita ás instalacións deste grupo empresarial, onde expresou a súa confianza en que a Comunidade finalice 2015 cun volume récord de exportacións de toda a súa historia.
Neste momento, xunto ao Grupo Cándido Hermida, máis de 100 empresas galegas forman parte do sector contract que, en 2014, realizou exportacións por valor de 980 millóns de euros; é dicir, exportou case o 6% do total rexistrado na Comunidade. Son empresas que traballaron en máis de 90 países, posto que nestes anos máis de 7.000 proxectos construtivos en todo o mundo contaron con provedores galegos.
Feijóo sinalou que as empresas galegas que o integran exportan capacidade de innovación; alta competitividade e experiencia internacional; capacidade para flexibilizar no deseño -adaptado á imaxe corporativa-, e nos prazos de entrega; e, sobre todo, calidade e fiabilidade.
O titular da Xunta destacou que no contract concíbese a construción de obra pública como un proxecto integral que debe abordarse en tres dimensións: o deseño exterior e o seu encaixe no contorno; a funcionalidade dos espazos interiores; e, o máis importante, o equipamento decorativo, que se converte en imaxe de marca. Tal e como indicou, é a gran industria da obra a medida que achega enormes posibilidades para as empresas galegas en eidos como a hostalería e o ocio, o sector téxtil e comercial, os complexos residenciais ou incluso de servizos sociais. Tanto aquí, como noutros países.
Emprendemento, innovación e internacionalización
Nesta liña, explicou que o Grupo Cándido Hermida é un dos grandes expoñentes deste sector en Galicia. Representa, dixo, un milagre económico polo xeito en que, desde Narón, foi quen de conquistar máis de 70 países. De feito, engadiu, desde 1992 é provedor de Inditex e, actualmente, desenvolve proxectos en todo o mundo para empresas de diversos sectores.
Trátase dun modelo de empresa familiar onde están presentes os valores do emprendemento, a innovación e a internacionalización, capaz de ofrecer un produto de calidade e un servizo á medida das necesidades do cliente. Segundo salientou, o Grupo Cándido Hermida, dedicado ao mobiliario industrial, facturou en 2014 máis de 60 millóns de euros; dá emprego a 600 persoas e conta con 6 centros de produción onde traballan técnicos titulados galegos.