Unha das tradicións outonais con máis arraigamento en Galicia chega no 28 de outubro á Ribeiriña. Esta parroquia pobrense vivirá o Magosto con xogos populares, maquillaxe para crianzas, música e concurso de cabazas que sorteará entradas para o cine. O punto neurálxico será o parque do lugar, dende as 17.00 ata as 19.00 horas.
Trátase dunha proposta coa cal a Concellaría da Participación Veciñal busca contribuír á descentralización dos eventos de carácter lúdico do núcleo urbano e levalos tamén a cada recuncho da Pobra do Caramiñal, nesta ocasión dando respaldo á iniciativa da asociación veciñal da Ribeiriña, representada no acto por algúns dos seus integrantes.
Na súa intervención, a concelleira da Participación Veciñal, Rosana Pérez, remarca a importancia deste tipo de accións para “dinamiza-las zonas do rural e poñer en valor as nosas tradicións”, polo que afirma que se está traballando por leva-lo Magosto a outros núcleos poboacionais.
A edil tamén incide na implicación da Administración local para o fortalecemento do tecido asociativo e a potenciación dos colectivos veciñais para recupera-lo espírito de comunidade.