Os distinguidos foron o cambadés Francisco Leiro, o escritor Miguel Ángel Velasco, o sacerdote José Ignacio Díaz (a título póstumo), ao Albergue do Avó Peuto de Güemes e Garda Civil
Os responsables do Xacobeo ao longo dos últimos anos recibiron a Insignia de Prata da FEACCS
A Federación Española de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago (FEAACS) entregou os Premios Pentafinium Xacobeo, unhas distincións que buscan promover a investigación, difusión e creación artística relacionada co roteiro xacobeo. Os gañadores deste ano foron o escultor cambadés Francisco Leiro (Belas Artes), o escritor madrileño Miguel Ángel Velasco (Literatura), o sacerdote José Ignacio Díaz (Premio a unha Vida, a título póstumo), o Albergue do Avó Peute de Güemes (Premio a unha Obra) e a Garda Civil (Premio a un Programa).
Os Premios Pentafinium Xacobeo foron entregados polo presidente da FEAACS, Jorge Martínez Cava, tras clausúraa do 2º Encontro Mundial de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago (2EM), organizado pola Federación, Turismo de Galicia e o Xacobeo no Monte do Gozo. Precisamente, os responsables do Xacobeo tamén recibiron como distinción a Insignia de Prata da FEAACS: Ildefonso de Cámpaa, actual director da Sociedade de Xestión do Plan Xacobeo, e os seus predecesores Camiño Trigueros, Cecilia Pereira e Francisco Singul.
Premiados
O escultor Francisco Leiro Lois (Cambados, Pontevedra 1957) recolleu o Premio Pentafinium ás Belas Artes pola súa obra escultórica das botas do peregrino, situada na biblioteca da Cidade da Cultura de Santiago de Compostela. Leiro Lois é académico de número pola sección de Escultura da Real Academia de Belas Artes de San Fernando e algunhas das súas obras son moi recoñecibles polo gran público como o “Sireno” na Porta do Sol de Vigo; a “Homenaxe a Castelao” na Alameda de Santiago de Compostela; a “Batea” sobre o río Lérez no Parque da Illa das Esculturas de Pontevedra; ou “O Astronauta”, “Vertixe” e “Simeón sentado”, todas elas en Madrid.
O Premio Pentafinium á Literatura recaeu en Miguel Ángel Velasco, pola súa obra literaria “O manuscrito de Compostela”, na que relata a peregrinación de catro xornalistas a Santiago. Un premio que foi recollido no seu nome por María Luisa Muñoz, presidenta da Asociación de Amigos do Camiño de Madrid, xa que o premiado non puido acudir por unha inoportuna enfermidade de última hora). O ex director de “Alfa e Omega” asegurou na presentación deste libro que, ao escribilo, “buscaba espertar o máxico e sagrado que levamos dentro. Ese é o secreto do Camiño de Santiago”.
Un dos momentos máis emotivos da xornada foi a entrega do Pemio Pentafinium a Unha Vida, que recaeu a título póstumo no sacerdote José Ignacio Díaz Pérez, falecido o pasado mes de xullo aos 69 anos de idade. Foi fundador da Federación de Asociacións de Amigos do Camiño, de Hospitaleros Voluntarios e director da revista “Peregrino”, tomando a substitución de Elías Valiña, con quen participou no primeiro encontro de sacerdotes en torno ao Camiño. Ademais, Díaz foi un dos grandes impulsores do movemento de hospitaleros, fundando albergues nas parroquias das igrexas de San Juan Bautista de Grañón e Santiago de Logroño. É especialmente recoñecido por unha frase que colocou no Albergue de Peregrinos de San Juan Bautista de Grañón, que di: “Deixa o que poidas, toma o que necesites”. O premio foi recollido por Ángel Urbina, responsable do albergue de la Iglesia en Logroño.
O Albergue do Avó Peuto de Güemes (Cantabria) recibiu o Premio Pentafinium a Unha Obra pola súa singularidade: xa que o levan como hospitaleros varios reclusos do Penal de Dueso que se atopan en proceso de rehabilitación. Ademais da súa atención ao peregrino, van máis aló e colaboran de forma xenerosa e solidaria con causas en África e América. O sacerdote Ernesto Bustio, que doou os terreos e o edificio do albergue, foi o encargado de recoller a distinción. O edificio conta con máis dun século de historia, pero non foi ata 1999 cando chegou o primeiro peregrino.
Finalmente, a Garda Civil foi distinguida co Premio Pentafinium a un Programa polo Programa Camiño Seguro, que coida de todos os peregrinos para garantir a súa seguridade ao longo dos distintos roteiros xacobeos. Un programa que as persoas asistentes ao 2EM puideron coñecer grazas ás presentacións realizadas por axentes da Benemérita durante o propio encontro. O premio foi recollido polo xeneral de brigada e xefe da Garda Civil en Galicia, o lucense Miguel Ángel González Arias.