— Será unha axuda extra de 1.200 euros ao ano que beneficiará a máis de 10.000 galegos para o pago dunha residencia privada
— Destinaranse 55 millóns de euros ao ano a este complemento dirixido a todas as persoas que dispoñen dun bono residencial, sen importar o seu grao de dependencia ou situación económica
— Seguirase mellorando e estendendo a rede de centros públicos autonómicos coa posta en marcha de novas residencias, como a que constrúe a Fundación Amancio Ortega no barrio de Eirís
A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, apuntou hoxe que Galicia será a primeira e única Comunidade Autónoma en contar cun complemento universal ao Bono Residencia. Trátase dunha axuda extra de 1.200 euros ao ano que beneficiará a máis de 10.000 galegos para o pago dun centro residencial privado, con independencia de cal sexa o seu grao de dependencia ou nivel de renda.
Fabiola García, que esta mañá visitou a Residencia Sanitas da Coruña, explicou que a Xunta destinará 55 millóns de euros ao ano a este complemento, que está dirixido a todas as persoas que precisan atención residencial, sen importar o seu grao de dependencia ou situación económica.
A conselleira enmarcou esta medida no “paso histórico” cara a universalización do acceso ao sistema de atención á dependencia que dará o Executivo autonómico nos orzamentos de 2024. Así, a este complemento para as persoas que conten cun Bono Residencia súmase o Bono Coidado Universal, para aquelas que queiran seguir vivindo nos seus fogares. A Xunta destina 100 millóns de euros ao ano a esta axuda de 5.000 euros anuais que lle permitirá a máis de 20.000 galegos —sen importar o seu nivel de dependencia ou de renda—seguir nas súas casas mentres son coidados por un familiar, veciño ou persoa de confianza.
Máis prazas, mellores centros e novos recursos
Fabiola García referiuse a outras melloras impulsadas polo Goberno galego no sistema residencial. Neste sentido, sinalou que se seguirán incrementando as prazas públicas en residencias, que xa se triplicaron nos últimos catorce anos ata acadar as 15.000 na actualidade.
Ademais, avanzou que se continuará estendendo a rede de centros públicos autonómicos, coa posta en marcha de novas residencias, como a que a Fundación Amancio Ortega está a construír no barrio de Eirís e que suporá a posta en marcha de 150 novas prazas públicas.
Tamén se referiu ás melloras no funcionamento das residencias públicas de maiores, que están en marcha a través de investimentos como o de 1,2 millóns de euros que se executa na residencia Torrente Ballester; e á creación de novos recursos, como os primeiros centros de coidados intermedios públicos de España.