Mercedes Rosón acusa ao bipartito de “negarlle á veciñanza compostelá un debate con todas as opcións enriba da mesa” ao ocultar o anteproxecto da rehabilitación que a Deputación proxectaba
“Estaría ben que a tenente de alcaldesa, María Rozas, explicase tamén o seu cambio de parecer despois de asegurar en campaña que se tiñan responsabilidade de goberno nunca tirarían a Casa”
Santiago de Compostela, 23 de outubro de 2023. “A golpe de comparecencia plenaria” os socialistas reclamarán explicacións ao bipartito sobre o futuro da Casa da Xuventude, logo de que tamén, desde o asociacionismo veciñal, pedisen detalles da proposta de reforma que a Deputación da Coruña proxectaba sobre o inmoble. Todo, despois de que a alcaldesa anunciase que renunciaba á subvención da entidade provincial de máis de un millón de euros para acometer esa reforma “que como sabe Sanmartín, mudaría completamente a imaxe do inmoble integrándoo na contorna do Matadoiro” asegurou a concelleira Mercedes Rosón.
Tamén interpela á tenente de alcaldesa, María Rozas, reclamando unha xustificación polo seu “cambio de parecer” despois de “asegurar en campaña que se tiñan responsabilidade de goberno nunca tirarían a Casa”. Un incumprimento da “palabra dada” por parte de Rozas que Rosón, critica, “é máis grave aínda” cando “esa promesa a fixo mirándolle aos ollos a persoas dos colectivos sociais que tiñan neste equipamento público o seu espazo para desarrollar actividades”.
Anteproxecto da Casa da Xuventude trala rehabilitación / Fonte: El Correo Gallego
Desde as filas socialistas acusan ao bipartito de “negarlle á veciñanza compostelá un debate con todas as opcións enriba da mesa”, criticando o “ocultismo e o secretismo” que “de novo” aplicou sobre esta cuestión a alcaldesa: “non se quixo ensinar o anteproxecto que a Deputación lle trasladou ao Concello, seguramente porque alguén podería quedar sorprendido co resultado trala reforma”.
Explica que o proxecto de rehabilitación contempla unha redución na altura da casa, así como unha aposta por materiais neutros e madeira “que faría o edificio máis amigable co lugar no que se atopa”, ademais de incorporar un acceso directo ao parque de Belvís.
“A prioridade de Sanmartín era cumprir co seu concelleiro” denuncia Mercedes Rosón que, recorda, o proxecto de derribo da alcaldesa fora deseñado por Iago Lestegás, actual responsable da área de Urbanismo: “pediremos detalles de por que se renuncia a unha subvención de máis de un millón de euros e por que se quere tirar un equipamento público” insiste.