Friday 22 de November de 2024

Clausura da exposición “40º aniversario da revista Can sen dono” no Museo do Humor Xaquín Marín


Este venres 27 de outubro clausúrase no museo fenés a exposición “40º aniversario da revista Can sen dono”, promovida polo Museo do Humor Xaquín Marín e a Concellería de Cultura de Fene, coa colaboración da Biblioteca de Galicia – Xunta de Galicia. O programa contempla unha visita guiada á mostra, ás 18 horas, e unha charla, ás 20 horas, sobre os fanzines dos anos oitenta, xa que Can sen dono aparece en Galicia en plena efervescencia de fanzines e follas voandeiras como Fat City, El patito feo, Bitácora 43 ou O ollaparo.

A conferencia correrá a cargo da profesora e escritora Rosa Cal, autora da tese doutoral “Laprensa alternativa en la zona no urbana de Galicia (1975-1984)” e tamén contará coaparticipación do comisario da mostra, Paco Oti, e da actriz Mabel Rivera, promotores nos anos oitenta dun fanzine no seo da factoría fenesa Astano. Ambas as dúas actividades seran con entrada libre e de balde.

A exposición “40º aniversario da revista Can sen dono” amosarase no Museo do Humor Xaquín Marín de Fene até o venres, en horario de 10.00 a 13.00 horas e de 16.00 a 21.00 horas. Na mostra pode verse unha compilación de debuxos orixinais, acetatos e recortes empregados na composición das páxinas da revista. Tamén se amosan reproducións das vinte e tres portadas e dos catro especiais publicados de Can sen dono, xunto con correspondencia orixinal e referencias bibliográficas.

CAN SEN DONO

A finais de 1982, na contorna do Primeiro Seminario Galego do Humor, celebrado no Museo Carlos Maside de Sada, e baixo o acubillo de Isaac Díaz Pardo, un grupo de debuxantes de Vigo presentaba o proxecto editorial dunha revista galega de humor que se ía denominar “Can sen dono”. A publicación foi unha realidade en 1983, ano no que ve a luz o seu número cero, coa dirección de Pepe Carreiro, coordinación de Gogue e edición de Antón Mascato.

Desde esta data ate 1989 (e con 23 números publicados e catro extraordinarios), máis de medio cento de humoristas gráficos e tamén algúns humoristas literarios chegaron a participar nesta revista satírica galega que agora, corenta anos despois, o Museo do Humor Xaquín Marín lembra nas súas instalacións.