• O rexedor local, José Luis Pérez Añón, reuniuse o pasado xoves cos membros da Federación Galega de Micoloxía para presentar a celebración do evento
• Reunirá a máis de 50 dos mellores micólogos e micólogas de toda a península ibérica para estudar os fungos da Costa da Morte
O alcalde de Laxe, José Luis Pérez Añón, participou o pasado xoves na presentación do “Encontro da Sociedade Ibérica de Micoloxía”, que terá lugar no municipio laxense desde o 5 ao 10 de decembro.
Esta iniciativa que está organizada pola Federación Galega de Micoloxía, reunirá a máis de 50 dos mellores micólogos e micólogas de toda a península ibérica para estudar os fungos da Costa da Morte, un lugar que conta con especies singulares na xeografía galega.
Os organizadores escolleron o Concello de Laxe debido á súa riqueza ambiental única, que durante os días que dure o encontro fará de escaparate para todas as persoas chegadas desde diferentes puntos de España e Portugal, ás que lles amosará o gran patrimonio cultural e etnográfico co que conta a Costa da Morte.
Segundo indica o alcalde de Laxe, Pérez Añón, “amosamos a nosa total predisposición e colaboración á Federación Galega de Micoloxía á hora de elaborar este programa, que serve como reclamo turístico nunhas datas que tradicionalmente non son tan boas para a atracción de visitantes ao noso territorio”.
O rexedor local considera “que é unha gran oportunidade para coñecer a gran riqueza micolóxica que atesoramos, tanto en Laxe como na Costa da Morte, para todas as persoas participantes que se achegarán ao noso municipio durante os días primeiros días de decembro”.
Nas vindeiras datas coñecerase o programa completo destas xornadas, que contan coa colaboración do Concello de Laxe e nas que todos os veciños e veciñas da localidade poderán participar de xeito activo.