― A acción formativa terá lugar os vindeiros días 27 e 30 de outubro no CIAM de Mabegondo e está especialmente destinada e deseñada para técnicos e asesores tanto da Consellería do Medio Rural como das entidades privadas rexistradas
― Este módulo enmárcase dentro do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020, para a formación de asesores co fin de ofrecer unha mellor atención á cidadanía
A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, impartirá os vindeiros días 27 e 30 de outubro un curso sobre fruticultura de casca e non de casca. Esta acción vai dirixida á formación de asesores e está especialmente destinada e deseñada tanto para os técnicos e asesores da propia Consellería como para os das entidades de asesoramento privadas do Resaxega (Rexistro de Entidades con Servizos de Asesoramento e Xestión de Galicia).
O curso terá lugar no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), dependente de Medio Rural. Na xornada do 27 de outubro abordaranse aspectos relacionados co mundo da fruticultura: definición, historia, obxectivos, evolución e esixencias. Ademais, estudarase a clasificación de especies froiteiras e realizarase unha visita ao Banco de Xermoplasma de mazá do CIAM.
O 30 de outubro as sesións centraranse na contorna da fruticultura, máis concretamente en eidos coma o medio ecolóxico, a climatoloxía, o solo, a auga e os factores socioeconómicos. A formación complementarase cun exercicio práctico consistente na planificación dunha explotación frutícola.
A acción formativa será impartida por Xosé Antonio Meixide, experto cunha ampla traxectoria vinculada coa fruticultura e que actualmente desempeña o cargo de xefe de sección de investigación no propio CIAM. Nos últimos 15 anos deu prioridade na súa vida profesional aos estudos e traballos relacionados coa viticultura e a fruticultura galegas.
Este curso de formación para asesores está enmarcado dentro do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020 e ten como obxectivo mellorar a capacitación e os coñecementos deste persoal, co fin de ofrecer unha mellor atención pola súa parte aos cidadáns en xeral, de maneira especial aos agricultores, gandeiros e silvicultores.