En paralelo, continúan as obras para remodelar os espazos peonís entre a rúa San Antonio e a rolda de Monte Alto, co obxectivo de facelos máis accesibles para a cidadanía
O Concello da Coruña rematou esta semana os traballos de mellora iniciados o mes pasado nun treito da rede de saneamento da rúa Touro, situada no sector norte do barrio de Monte Alto.
A intervención, promovida a través da Área municipal de Economía e Planificación Urbana, levouse a cabo no percorrido da rúa Touro comprendido entre os cruzamentos coas rúas Valencia e San Tirso. A grandes rasgos, supuxo a substitución dos antigos colectores, feitos con base de gres e con 200 mm de diámetro exterior, por uns novos de PVC e cun diámetromáis amplo, de 315 mm. Baixo estes parámetros, ademais de renovarse os materiais, apóstase por un diámetro exterior que reforce a seguridade fronte a posibles fugas.
Neste sentido, e tras completarse a substitución dos colectores, a comezos da semana anterior procedeuse á renovación do firme no treito afectado polas obras, onde se dispuxo unha nova capa de formigón. Xa para finalizar a intervención, nos últimos días procedeuse a recolocar as tapas de rexistro asociadas á rede de sumidoiros.
A avaliación da rede de saneamento da Coruña, barrio a barrio
A finalización dos traballos na rúa Touro dálle continuidade ao plan de renovación da rede de saneamento na Coruña que está a impulsar, desde o mandato anterior, o Goberno de Inés Rey, actuando barrio a barrio e dándolles prioridade ás intervencións máis necesarias, ben pola antigüidade dos colectores ou para solucionar deficiencias.