Inés Rey, alcaldesa da Coruña: “Non podemos deixar de apostar e loitar, día a día, por unha inclusión real para todas as persoas”
A carreira ENKI bateu o seu récord de participación e convértese na sexta proba de España e a primeira de Galicia en asistencia con 15.000 persoas. Baixo o lema ‘10 anos correndo por un mundo inclusivo, son só o comezo’ a proba volveu a ser todo un éxito cun novo percorrido que atravesou os peiraos coruñeses, a Marina e o Parrote.
A alcaldesa, Inés Rey, destacou durante a entrega de premios o gran ambiente que se respira nesta carreira de obstáculos, cuxo obxectivo é dar visibilidade ás persoas con diversidade funcional e apostar por melloras en inclusión social. “Non podemos deixar de apostar e loitar, día a día, por unha inclusión real para todas as persoas. Desde o Concello da Coruña apostamos decididamente por ENKI e todas as iniciativas que buscan o avance de todas as persoas”, sinalou a rexedora.
Ademais da propia carreira, durante toda a xornada do sábado leváronse a cabo diferentes iniciativas de ocio para as persoas participantes. Na saída da proba a concelleira da Área de Benestar Social, Yoya Neira, e o concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, foron os encargados de dar o pistoletazo de saída.
“Desde as administracións debemos continuar traballando pola inclusión, en todos os ámbitos”, sinalou Inés Rey, que engadiu: “Na Coruña imos do pequeno, creando parques inclusivos para nenos e nenas, ao máis grande, reurbanizando rúas enteiras e adaptándoas ás necesidades de todas as persoas”.