Ángeles Vázquez engade que o Goberno galego promoverá a construción dun parque canino nas 7 grandes cidades para proporcionar áreas seguras nas que convivir de xeito harmonioso cos animais de compañía
A Xunta manterá en 2024 o seu apoio a concellos e entidades protectoras para a atención e o coidado de animais domésticos abandonados coa reserva dunha partida orzamentaria de 450.000 euros no proxecto de presupostos autonómicos, tal e como avanzou hoxe a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez.
Durante unha visita que realizou esta mañá ao refuxio de animais de Mougá, na que estivo acompañada pola delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, a vicepresidenta segunda lembrou que o Goberno galego vén facendo un esforzo desde hai anos para apoiar ás protectoras e ás entidades locais no labor que realizan neste eido, destinando desde 2017 un importe de máis 2 millóns de euros, a través das sucesivas ordes de axudas que convoca para financiar os gastos que asumen a diario para o coidado, a atención e a manutención dos animais domésticos abandonados e que teñen ao seu cargo.
Nesa liña, Ángeles Vázquez reiterou a solicitude de que os orzamentos do Estado para o próximo ano inclúan partidas específicas para que tanto as comunidades autónomas como especialmente os concellos poidan facer fronte ás novas obrigas que terán que asumir coa nova Lei de protección dos dereitos e o benestar dos animais.
Cómpre salientar, por exemplo, que a nova lei recolle que as entidades locais deberán garantir gardas de 24 horas para poder cumprir coa recollida, tratamento e atención permanente dos animais que se abandonen nos seus termos municipais, ademais de xestionar as colonias felinas, encargándose da esterilización dos gatos que formen parte delas.
Por outra banda, a vicepresidenta segunda engadiu que, no marco do seu compromiso co benestar animal, a Xunta promoverá a construción dun parque canino en cada unha das 7 grandes cidades de Galicia para proporcionar áreas seguras nas que convivir de xeito harmonioso cos animais de compañía. Os concellos terán que ceder a parcela, debidamente cualificada, na que queiran instalar este espazo e o Goberno galego encargarase de dotalos dos elementos necesarios.
A maiores, Ángeles Vázquez puxo en valor o esforzo que realiza o persoal do refuxio de Mougá, cuxa titularidade corresponde á Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol. Na actualidade este centro atende un total de 205 animais -112 cans e 93 gatos-, dos que 24 se encontran en casas de acollida. E, a maiores, no marco do programa CER (Captura-Esterilización-Retorno) xa leva actuado en máis de 780 gatos.