Do 31 de outubro ao 11 de novembro terán lugar diferentes recitais en espazos do barrio con destacados artistas e formacións de música clásica e contemporánea
A Coruña prepárase para acoller a segunda edición dociclo de concertos ‘Noites na Cidade Vella’. Este evento, promovido polo Concello en colaboración coa Fundación Rogelio Groba, ten como obxectivo levar a música clásica e contemporánea aos recunchos máis emblemáticos da cidade.
Este novo ciclo de concertos dará cabida a todos os públicos. Todos os concertos son de acceso gratuíto ata que se complete a capacidade do recinto. ‘Noites na Cidade Vella’ adáptase a unha ampla variedade de gustos e idades. O Goberno de Inés Rey busca con esta iniciativa preservar o legado de Rogelio Groba, que faleceu en decembro do 2022 e que foi un dos grandes músicos e compositores da música de cámara do país, con máis de 700 obras catalogadas.
O compromiso do Concello coa promoción da cultura e a música fai posible a programación de iniciativas como esta, abertas a toda a cidadanía. Os concertos comezarán no Auditoriodo Conservatorio Profesional de Música o 31 de outubro ás 19.00 horas a cargo da pianista italiana Elisa D’Auria, gran coñecedora da obra de Groba.
Continúa o sábado 4 de novembro no Museo de Belas Artes ás 12.00 da mañá cun concerto dirixido ao público familiar a cargo do Dúo Indigo de piano a catro mans, e ese mesmo día, ás 20.00 na Fundación Luís Seoane, a Orquestra de Cámara Galega interpretará xunto ao violonchelista estremeño Joaquin Fernandez, solista da Orquestra e Coro Nacional, o primeiro dos dous concertos de orquestra deste ciclo, dirixidos por Rogelio Groba Otero.
O luns 6 de novembro no Paraninfo da Universidade da Coruña, a pianista madrileña Susana Gómez realizará un recital moi especial cun repertorio escrito integramente por mulleres compositoras. O ciclo continuará o 10 de novembro na Igrexa das Capuchinas cun recital a cargo de Santiago Caño, violonchelista colombiano de gran traxectoria internacional e para finalizar, o 11 de novembro na Igrexa dos Dominicos, de novo coa Orquestra de Cámara Galega, esta vez acompañando á frautista pontevedresa Laura Lorenzo, interpretarán unha obra da compositora ferrolá Julia Dopico.