― Técnicos do Programa de Control de Vertidos de Augas de Galicia localizaron a achega irregular no marco dunha inspección rutineira
― O persoal de Augas de Galicia identificou a orixe en dous puntos de evacuación de augas residuais dunhas instalacións desta zona da cidade
― Os inspectores constataron recentemente que as actuacións realizadas nas instalacións para a conexión á rede municipal permitiron a emenda do vertido
A Xunta eliminou dous puntos de vertido de augas residuais cara á ría á altura do paseo marítimo Alcalde Francisco Vázquez, no concello da Coruña.
Estas achegas irregulares foron localizadas no marco das inspeccións rutineiras de seguimento levadas a cabo polos técnicos do Programa de Control de Vertidos, dependente de Augas de Galicia, no ámbito territorial da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa, de competencia autonómica.
O persoal de Augas de Galicia identificou a orixe destes vertidos en dous puntos de evacuación de augas residuais nunhas instalacións situadas na citada zona da cidade, requiríndoselle ao titular a correspondente toma de medidas para a emenda da achega contaminante.
Nunha nova visita á zona, os técnicos da Xunta verificaron que as actuacións levadas polo titular das instalacións para a conexión das augas residuais á rede de saneamento municipal permitiron eliminar estes vertidos.