O Pazo de Fonseca reuniu esta mañá a representantes do tecido hostaleiro e social da cidade así como de diferentes institucións de Cataluña, Porto, Málaga e Sevilla para debater arredor da aplicación da taxa turística e outras iniciativas que permitan acadar un modelo turístico sustentable en lugares sometidos a unha presión turística elevada, como é o caso de Compostela. A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, abriu a xornada defendendo a necesidade de definir un novo modelo turístico “que sexa compatible coa vida das persoas que vivimos e traballamos aquí”.
A alcaldesa de Santiago deu a benvida aos participantes na xornada na que se presentaron diversos casos de aplicación da taxa turística e outros instrumentos de xestión noutros lugares como Cataluña, Porto, Málaga e Sevilla con obxectivo de promover un turismo de calidade e salientou que se trata dunha “grandísima oportunidade para mudar a situación actual”, así como “un dos maiores retos que temos por diante”.
A rexedora reiterou o compromiso do Goberno municipal de seguir a traballar por “planificar o turismo como unha actividade que achegue valor ao conxunto do concello e que sexa, polo tanto, compatible e enriquecedor da vida da veciñanza”. “Sabemos que mudar o modelo que existe non se logra dun día para outro pero o noso obxectivo é traballar en parámetros de calidade para que o número de visitantes deixe de ser o máis importante e pase a selo os beneficios que todo este turismo xera para a nosa cidade e para Galiza”, engadiu.
Así, a alcaldesa defendeu a aplicación da taxa turística como unha forma de “re-equilibrar o custe de ser un dos destinos máis cobizados deste país que rexistrou, segundo datos oficiais do pasado ano, máis de 1,5 millóns de pernoctas, máis de 3 millóns de viaxeiros e viaxeiras no aeroporto Rosalía de Castro e máis de 400.000 compostelas entregadas na Oficina do Peregrino, cifras que nos meses que levamos de 2023 xa sabemos que imos superar a final de ano”.
Na clausura da xornada, a concelleira de Turismo, Míriam Louzao, defendeu tamén a necesidade de aplicar a taxa turística na cidade xa que se trata dunha “ferramenta moi valiosa que permitirá que o propio modelo turístico actual conte con maiores recursos para ese cambio que precisamos”, permitindo a “redistribución dos recursos que produce o turismo entre o conxunto da veciñanza”.
Tamén destacou a partir do exposto durante a xornada que “como está comprobado nos múltiples destinos que xa contan con esta ferramenta, a taxa turística non ten un impacto na demanda”.
3 eixes de traballo
A xornada “O impacto turístico nas cidades. Taxa turística e outros instrumentos de xestión” organizouse no marco do Plan de turismo sustentable no que participan o Concello de Santiago, a Xunta de Galicia e o Ministerio de Industria, Comercio e Turismo. O foro estruturouse en tres grandes eixes.
No primeiro, enfocado en ofrecer unha visión técnica da aplicación taxa turística, participaron o catedrático de Dereito Financeiro e Tributario da USC, César García Novoa, autor ademais do estudo sobre a implantación deste tributo en Santiago de Compostela, e a directora xeral de Tributos da Generalitat de Catalunya, Natalia Caba i Serra, onde se leva aplicando este tributo desde o ano 2012.
No segundo eixe deuselle voz ao ‘ecosistema’ socioeconómico da propia cidade, nunha mesa redonda moderada pola vicedecana da Facultade de Xeografía e Historia da USC, Mª José Piñeira Mantiñán, na que participaron o vicepresidente de Unión Hotelera, José Antonio Liñares; o presidente de Hostaleria.gal, Lois Lopes; a presidenta da Asociación de Hostelería de Compostela, Sara Santos; a presidenta da Asociación de Bares, Pubs e Discotecas de Santiago, Lucía Vázquez; a presidenta da Asociación Veciñal A Xuntanza, Mon Vilar, e o presidente da Asociación de Veciños da Cidade Histórica Fonseca, Roberto Almuíña.
O terceiro eixe estivo centrado na pegada do turismo nas cidades e contou coas intervencións do director de Turismo do Concello de Barcelona, Xavier Suñol Ferrer; a vereadora de Turismo e Internalización da Cámara Municipal de Porto, Catarina Santos Cunha; o senador e portavoz do grupo Socialista no Concello de Sevilla, Antonio Muñoz Martínez; e o director xeral de Turismo e Promoción do Concello de Málaga, Jonathan Gómez Punzón.