Friday 22 de November de 2024

O II Encontro Mundial de Asociacións de Amigos do Camiño (2EM) márcase como reto a creación dunha Federación Europea


A Xunta pon de manifesto os beneficios que supón para o modelo turístico galego a crecente desestacionalización do Camiño de Santiago

O Monte do Gozo acolle a máis de trescentos representantes de 141 asociacións de todo o mundo (35 países)

“Se o primeiro Encontro Mundial de 2015 foi o de coñecernos e poñer en marcha a identificación de Camiños, este segundo debe ser o da posta en marcha da Federación Europea de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago e o seguinte ten que ser a posta en marcha dunha Federación a nivel mundial”. Son palabras do presidente da Federación Española de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago (FEAACS), Jorge Martínez Cava, esta mañá na inauguración do II Encontro Mundial de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago (2EM), que se celebra no Monte do Gozo ata o 22 de outubro e no que participan máis de trescentas persoas en representación de 141 asociacións de todo o mundo.
Jorge Martínez Cava puxo en valor o traballo realizado polas asociacións de amigos do Camiño neste últimos oito anos: “un traballo excepcional: 80.000 quilómetros, trecientos Camiños en toda Europa que fundamentalmente están a ser mantidos e divulgados polo movemento asociativo de forma altruísta. Porque somos conscientes de que os Camiños de Santiago son un continuo e que necesitabamos recoñecelos, catalogalos e garantir que fosen debidamente defendidos, desde Noruega a Lituania e, esperemos que en breve, tamén desde Ucraína”. Un traballo no que colaboran as máis de 320 asociacións de amigos do Camiño constituídas a nivel mundial, das que 260 están radicadas en Europa e máis da metade en España.
Crecemento do Camiño
Pola súa banda, o director xeral de Turismo de Galicia, José Manuel Merelles, destacou o papel do movemento asociativo no crecemento constante nas cifras de peregrinos. “Sodes promotores dos grandes valores do Camiño de Santiago, axentes activos do Camiño que co voso traballo intenso e desinteresado estades a contribuír ao dinamismo do Camiño. Administracións e asociacións temos que ir da man para seguir mantendo á xente no Camiño e seguir atendendo as súas necesidades”, apuntou José Manuel Merelles.

Ademais, referiuse aos beneficios que supón para o modelo turístico galego que cada vez sexan máis os peregrinos que están a peregrinar a Santiago de Compostela fóra de tempada alta e que o fagan, ademais, repartíndose polos distintos itinerarios. “Con esta tendencia na peregrinación contribúese a que a tradición xacobea e o impacto económico asociado estea a recuperarse en numerosos concellos das catro provincias”, indicou.
Entre as cifras que ofreceu, destacou que dos 270.000 peregrinos que recibiron a Compostela en 2010 pasáronse a máis de 400.000 en 2022, “e este ano imos camiño de superar esas cifras”. Ademais, falou de “un crecemento constante e máis desestacionalizado, con cifras positivas en todas as tempadas do ano. Neste 2023 levamos máis de 410.000 compostelas, das que 134.000 foron recollidas en xullo e agosto. Pero nos cinco primeiros meses do ano repartíronse 118.000, fronte ás 98.000 do ano anterior. E se imos a antes da pandemia, falamos dun 35% máis que en 2019”.
O arcebispo de Santiago, monseñor Francisco José Prieto, destacou que “os Camiños e a tumba do Apóstolo Santiago preséntanse como un gran espazo aberto e un horizonte cara ao que se encamiñan os que buscan e os que non buscan, os inquietos e os indiferentes, os crentes e os non crentes. E nese Camiño debemos preguntarnos polo sentido da vida”. Tras saudar aos presentes en múltiples idiomas, afirmou que “o Camiño é ocasión para buscar a Deus e deixarnos atopar por el, que nos agarda ao final na meta. E como a mochila do peregrino, lixeiros de equipaxe pero densos de vida e de ganas de encontro, de propostas, de escoita… para ofrecer ao camiñante o don do sentido e o don da fe. Porque, como alguén escribiu, a fe non é unha bandeira que leva con gloria senón unha vela acesa que leva coa man entre a choiva e o vento nunha noite de inverno ou deste outono tan intenso como o que estamos a vivir en Santiago”.
Finalmente, Francisco Millán Mon, eurodeputado e presidente do intergrupo “Patrimonio Cultural Europeo, asegurou que “o Camiño vive unha Idade de Ouro á que contribuíu a sociedade civil”. Unha situación que se fundamenta en catro piares: institucional coa Xunta, a Iglesia, o seu recoñecemento como Roteiro Cultural Europeo e o apoio da sociedade civil. Neste sentido Millán Mon destacou a “mundialización e globalización actual dos camiños”
Sábado: Investigación e hospitalidade
O II Encontro Mundial de Asociacións do Camiño de Santiago, que se celebra baixo o lema “Asociacións. Memoria e futuro”, está organizado pola Federación Española de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago (FEAACS), Turismo de Galicia e o Xacobeo. A súa intención é converterse en punto de encontro e debate sobre a cuestión xacobea, a investigación e coidado dos roteiros composteláns e do seu legado histórico e cultural, así como a promoción da peregrinación tradicional e da hospitalidade.
Así, mañá sábado, ás 9:00 horas, terá lugar a mesa redonda sobre América, coordinada que contará con representantes de Asociacións de Amigos do Camiño de Canadá, Brasil, Arxentina, Uruguai e México. Nela tratarase a necesidade de implementar Camiños que permitan tecer unha rede semellante á europea. roteiros que primeiramente se circunscriban ás cidades, como camiños máis pequenos, que logo se unirán entre si para tecer unha rede que se vaia parecendo á Europa. Ás 11:15 terá lugar unha segunda mesa de debate sobre a hospitalidade xacobea. Tamén hai previstos relatorios de boas prácticas e sobre o labor de determinadas asociacións.
Pola tarde está prevista a proxección de “Lle Chemin de St Xaques”, de Denisse Pericard-Mexa, do Institut de Recherche Jacquaire (17:00 horas, Salga 14) e a entrega de premios Pentafinium (19:30 horas).