Na venda de solo que ten previsto facer o Concello antes de final de ano para construír 54 vivendas de prezo taxado en Xaz, Perillo e Mera, ademais de promotores poderán presentarse cooperativas de veciños e veciñas. Se hai un grupo de persoas interesadas en construír directamente as súas propias vivendas, será preciso que se constitúan previamente como cooperativa para poder participar no proceso público de compra do solo.
Tras finalizar ese proceso de venda de solo, para poder adquirir unha das vivendas de prezo taxado polo Concello, realizarase unha convocatoria pública dirixida a veciños e veciñas de Oleiros exclusivamente. En base aos criterios fixados, que están en fase de análise, crearase unha listaxe de persoas que poderán optar á compra dos pisos.
Os edificios estarán situados na rúa Dona Emilia en Perillo (13 vivendas), na rúa Eduardo Galeano en Mera (19 vivendas) e na urbanización de Xaz (22 vivendas). Estes pisos de prezo taxado polo Concello forman parte de espazos urbanizados de alta calidade e onde tamén se edifican vivendas de promoción libre, co obxecto de que as novas vivendas de promoción pública dispoñan das mesmas condicións urbanísticas que as de promoción privada.
Esta política de promoción de vivenda, á marxe das flutuacións do mercado inmobiliario, está dirixida a paliar as ineficaces e case inexistentes políticas de vivenda de Xunta e Estado. O Goberno municipal leva creadas 752 vivendas de protección.