O alcalde de Fene, Juventino Trigo, xunto cos de Ares, Mugardos e Cabanas e a delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, presidiron este mediodía o acto de presentación do Obradoiro de Emprego de Garantía Xuvenil Inicia VII no Concello de Fene. Tamén asistiu o persoal do obradoiro: a directora e os/as docentes de “Fabricación de montaxe de instalacións de tubaxe industrial”, de “EXB” e de “Formación empresarial”, amais dos/as 16 alumnos/as traballadores/as seleccionados/as.
Inicia VII é un programa mixto de emprego e formación que ten como finalidade mellorar a ocupabilidade das persoas participantes, “mediante a realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral e social que posibiliten a realización dun traballo efectivo que, xunto coa formación profesional para o emprego recibida, procure a súa cualificación profesional e a súa posterior inserción laboral no mercado de traballo”. O programa está subvencionado pola Consellería de Promoción de Emprego e Igualdade, por un importe que ascende a 424.836,96€, e conta co apoio financeiro da Unión Europea a través do FSE+ e do SEPE, a través do Programa Operativo de Emprego Xuvenil.
Cunha duración dun ano -comezou o pasado 9 de outubro e finalizará o 9 de outubro de 2024- a especialidade deste novo Obradoiro de Garantía Xuvenil vai ser a “Fabricación e montaxe de instalacións de tubería industrial”, contemplándose as seguintes actuacións nos concellos participantes:
Fene_Sustitución e colocación de varandas nas escaleiras de prolongación da rúa Tellerías (San Valentín) e instalación de pasamáns laterais e dunha varanda central nas gradas do pavillón polideportivo da Xunqueira (San Valentín). Aportación do Concello: 8.930€
Ares_ Pasamáns e varandas para separación dos banquillos e zona técnica do campo de fútbol Prados Vellos e para separación da beirarrúa coa rotonda de acceso ao casco urbán de Ares, no cruce da Avda. De Redes e a rúa Porta do Sol. Aportación do Concello: 3.370€
Mugardos_ Protección de colectores de RSU. Aportación do Concello: 6.000€
Desde o inicio da súa participación no obradoiro dual de emprego, os 16 alumnos/as traballadores/as son contratados pola entidade promotora para a formación e aprendizaxe, polo que perciben unha retribución equivalente ao 100% do salario mínimo interprofesional, incluída a parte proporcional dunha paga e media extraordinaria. E, ao remate do programa, terán o Certificado de Profesionalidade de Fábrica e Montaxe de Instalación de Tubería Industrial e estarán capacitados/as para continuar traballando de caldeireiro/a-tubeiro/a, tubeiro/a industrial ou tubeiro/a naval.