Friday 22 de November de 2024

Rueda destaca o papel do asociacionismo empresarial no progreso económico e social dunha Galicia puxante que atrae investimentos estratéxicos


— Agradece a contribución da entidade para converter este polígono nun motor da economía da Coruña e un referente industrial de toda Galicia

— Salienta a importancia das empresas galegas á hora de xerar riqueza e emprego na comunidade e levar o selo de Galicia calidade polo mundo

— Resalta o apoio da Xunta ao tecido produtivo ao reducir os trámites para poñer en marcha un proxecto, bonificar a compra de solo industrial ou facilitarlles o acceso ao crédito

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe o papel do asociacionismo empresarial no progreso económico e social dunha Galicia puxante e potente que atrae investimentos estratéxicos. O titular do Goberno autonómico asistiu a celebración do 50º aniversario da Asociación de Empresarios de Agrela e os 60 anos do parque industrial, onde salientou a contribución desta entidade para facer deste polígono un motor da economía da Coruña e un referente industrial de toda Galicia.

Rueda subliñou a importancia das empresas galegas que xeran riqueza e emprego na súa contorna, que apostan por seguir medrando desde a súa terra e que levan o selo de Galicia calidade máis aló da comunidade a través dos seus produtos e servizos. O presidente resaltou que contar cun tecido produtivo forte, innovador e moderno é bo para o conxunto da sociedade.

Por iso, tal e como explicou o presidente, a Xunta aposta por ofrecer estabilidade, confianza e garantías ás empresas para que aposten por investir ou expandirse en Galicia. Nesta liña, destacou a estabilidade que supón que, un ano máis, o Goberno autonómico aprobase en tempo e forma os orzamentos para 2024, os máis altos da súa historia. Ademais, remarcou que os bos resultados económicos da comunidade -recuperou o nivel de PIB prepandemia antes que o conxunto de España o bateu un novo récord de exportacións no primeiro semestre deste 2023- xeran a confianza precisa para que as empresas invistan na comunidade.

Por último, Rueda fixo fincapé noutras medidas da Xunta para facilitar a chegada de proxectos estratéxicos industriais como a Lei de simplificación administrativa -que reduce a metade os prazos para poñer en marcha unha iniciativa-, as bonificacións para adquirir solo empresarial ou as facilidades para acceder ao crédito cunha Axenda Financeira que, só neste 2023, destina 140 millóns de euros a apoiar proxectos industriais.