Friday 22 de November de 2024

O Concello de Neda outorgará axudas para apoiar o traballo dos seus mellores deportistas


A nova liña de subvencións vai dirixida a deportistas empadroados/as na vila, que compitan en probas oficiais autonómicas, nacionais e internacionais

O Concello Pleno vén de aprobar inicialmente, no marco das iniciativas de fomento do deporte, as bases para a concesión de axudas destinadas a deportistas individuais do municipio, que compitan en probas de categoría autonómica, nacional ou internacional. O goberno local atende deste xeito un compromiso adquirido tempo atrás para apoiar a práctica e o rendemento deportivo.

Segundo o aprobado, poderán optar a esta subvención deportistas empadroados en Neda, cunha antigüidade mínima de dos anos consecutivos, que participen en competición organizadas ou recoñecidas polas respectivas federación, e que teñan relevancia a nivel galego, español ou internacional. En todo caso, deberán acreditar nivel deportivo na especialidade, polo menos, no ano anterior ao da solicitude.

O orzamento municipal reserva para esta finalidade un total de 4.000 euros e, segundo se establece nas bases da convocatoria, que pasarán agora á fase de información pública, establecerase un máximo de 800 euros para cada solicitude.

O reparto dos fondos virá decidido pola proxecto deportivo presentado para a presente tempada; os resultados obtidos nas dúas tempadas anteriores á da solicitude en competición oficial; a implantación e importancia da modalidade deportiva a nivel nacional; e a achega económica propia para o desenvolvemento do proxecto/competición. Teranse ademais en conta méritos como o recoñecemento como deportista de alto nivel, convocatoria para a selección galega, nacional…
Estas novas axudas municipais buscan por tanto facilitar o traballo de deportistas nedenses, que son un bo exemplo para todos, e contribuír a que poidan reforzar o seu desenvolvemento deportivo e profesional.