Friday 22 de November de 2024

Abre ao público a exposición que repasa os vinte e cinco anos das Xornadas de Homenaxe a Valle-Inclán na Pobra


Instantáneas que poñen o foco nas persoas asistentes ás Xornadas de Homenaxe a Valle-Inclán na Pobra do Caramiñal ao longo dos seus vinte e cinco anos de historia e capturan momentos clave dela. Estas compoñen a mostra fotográfica que acubilla a casa da cultura Raquel Fernández Soler ao abeiro da programación do outubro valleinclaniano.

Trátase, polo tanto, dunha fotocronoloxía elaborada con fondos do propio museo baixo o título 25 anos de cultura valleinclaniana e constitúe a primeira das dúas exposicións configuradas para a vixésimo quinta edición das ditas xornadas de divulgación e de valorización.

Acompañado da concelleira da Cultura, Patricia Lojo, e do director do Museo Valle-Inclán, Antonio González, o público coñeceu máis polo miúdo algunhas das cen imaxes durante a inauguración que tivo lugar na tarde do día 19 de outubro.

As visitas pódense efectuar ata finais de mes, de luns a venres, en horario de 10.30 a 13.30 e de 17.00 a 20.00 horas.

O programa das XXV Xornadas de Homenaxe a Valle-Inclán continúa nesta fin de semana. No apartado dos relatorios, Teresa Bretal Martínez, profesora do Conservatorio Superior de Música da Coruña e compositora, disertará neste venres 20 sobre Como facer música da obra de Valle-Inclán: a ópera “Divinas palabras” de García Abril. Será ás 20.00 horas, no Auditorio do Museo Valle-Inclán.

Xa no sábado 21 haberá unha dobre cita no dito auditorio. Primeiramente, ás 20.00 horas, presentarase o libro La España Tradicional, de Ramón del Valle-Inclán; unha edición a cargo de Xaquín del Valle-Inclán Alsina que publica o Foro Galicia e Valle-Inclán. Deseguido, ás 20.30 horas, o grupo Ouriol (con Eva Veiga, Fito Ares e Bernardo Martínez) combinará poesía, música e pintura no recital Claves líricas.

E a dramaturxia chegará no domingo 22 con Cía. Sala Negra, compañía que representará sobre as táboas do Elma, ás 19.30 horas, a función Esperpento.