Friday 22 de November de 2024

Festigual, o festival de artes inclusivas de referencia do noroeste, chega á súa sétima edición


Do 1 de novembro ao 3 de decembro a cidade acollerá espectáculos de teatro, música e danza, exposicións, cinema e encontros culturais gratuitos e para todas as idades

A concelleira da área de Benestar Social, Yoya Neira, presentou esta mañá a sétima edición do Festigual, que ofrecerá unha quincena de espectáculos e eventos culturais do 1 de novembro ao 3 de decembro, data na que se conmemora o Día Mundial das Persoas con Discapacidade. Todos os espectáculos son
gratuítos e ata completar capacidade. Neira estivo acompañada de Avia Veira, deputada provincial; o músico Robert Pier, de TresxCuatro; e a saxofonista Sophie Simonds. Á presentación asistiu tamén Belén Rey, directora de comunicación da Fundación María José Jove.

“Festigual segue apostando por unha arte para todos, no que todos poidamos ser artistas e espectadores e abrir as nosas mentes para que a cultura sexa cada vez máis transversal e accesible”, sinalou Neira. “Nesta sétima edición Festigual dá un paso máis aló na inclusión e non só acollerá expresións artísticas de persoas con diversidade funcional. Tamén abrirá a porta a outros tipos de inclusión, en todos os ámbitos e en todas as franxas de idade”, engadiu.

Nese sentido, destaca o espectáculo que pechará o festival o día 3 de decembro no Ágora, un concerto de Pandereteiras Sen Fronteiras (Pan Sen Fron), que tras percorrer o mundo vén á súa cidade para presentar un espectáculo no que traballou cos veciños e veciñas do barrio do Campanario e que fusiona a música tradicional galega coa riqueza da cultura xitana. Festigual fíxase este ano tamén noutros sectores vulnerables. É o caso dos mozos e mozas que viven en pisos tutelados. A obra teatral “Soños”, escrita por dúas persoas que coñecen ben esta realidade, está destinada a centros escolares e poderase ver o 22 de novembro no CC Os Mallos.

Tamén para os centros escolares, pero para os nenos máis pequenos, está programado o espectáculo “E meu amigo?” de Caxoto e Xema Santos o 30 de novembro no CC Os Mallos.

Dentro desta aposta pola inclusión destaca tamén un espectáculo para toda a familia, o musical “Dumbo”, no que o famoso conto popularizado por Disney serve para falar do acoso escolar e as súas consecuencias. Será no Teatro Colón o 1 de decembro ás 18.00 horas.

Ademais destas novidades, retorna a gala “Música baixo as Estrelas”, no que se volven a subir ao escenario artistas da rúa da nosa cidade tan coñecidos xa como Sophie Simmonds, Krece, Tecla Negra e que contarán este ano coa intervención de Píscore, un dos grupos teatrais que mellor fusiona música e humor. Será o 1 de novembro no Teatro Colón ás 19.00 horas.

Haberá de novo espazo para a danza inclusiva con Experimentadanza que nesta edición de Festigual ten ademais unha colaboración coa banda municipal ao redor de Picasso que poderá verse no Ágora o 8 de novembro e que tamén visitará distintos centros escolares. A banda municipal este ano vai participar tamén co grupo TresxCuatro e Robert Pier nun concerto de música inclusiva no Teatro Colón o 23 de novembro ás 20.00 horas

En cinema hai unha estrea: o documental de Iría Grajal sobre a musicoterapia e os seus efectos beneficiosos sobre as persoas con discapacidade que poderá verse o 3 de novembro na Fundación Abanca ás 18.00 horas.

Como en anteriores edición, hay persoas e entidades da cidade que achegan sempre os seus proxectos artísticos a Festigual: Poten100mos, Participa, Proxecto Máscara e a asociación cultural Negus. Tamén a Once e o seu grupo de teatro Valacar e outras institucións como o Colexio de Médicos, que ofrece unha xornada de arte e saúde o día 1 de novembro.

Pola sua banda, a Sociedade Filatélica da Coruña promove a exposición “Un xenio volve á casa” do 30 de novembro ao 17 de decembro na Sala Municipal de Exposicións Salvador de Madariaga. Tamén os Amigos do Museo de Belas Artes estarán o 15 de novembro no teatro Colón e o 3 de decembro no Ágora para que os asistentes aos espectáculos deses dous días poidan vivir a experiencia do seu museo virtual. Esta actividade tamén é de balde, mais hai que anotarse na web.

“Un ano máis, Festigual ofrece un programa moi completo, de alta calidade artística, para todas as idades e que demostra que esta cidade, tamén na expresión artística, non deixa ninguén atrás”, rematou Neira.