Friday 22 de November de 2024

A proposta dos socialistas ante a falta de aparcadoiro no CHUS: mellorar a rotación das prazas, transporte colectivo para os traballadores e un aparcadoiro de 420 prazas


Levarán unha proposición ao próximo pleno esixindo ao bipartito que “presione” á Xunta para que acepte a parcela que o goberno do PSOE lle cedeu para a construción dun parking

Paralelamente propoñen traballar, a longo prazo, na ampliación da parcela do Clínico desenvolvendo o SUD 9-10 “prevendo que haxa novas ampliacións”

“Semella que para ampliar o seu edificio administrativo, a Xunta si que ten orzamentos, pero para crear prazas para os usuarios dun hospital nin interese”

O futuro da mobilidade na contorna do hospital clínico será obxecto de debate no próximo pleno a razón dunha proposición do grupo socialista. Propoñen un plan cunha dobre liña de traballo, pensando en respostas inmediatas, mellorando a rotación das prazas actuais e executando un aparcadoiro para 420 vehículos, e planificando a longo prazo, desenvolvendo o solo urbanizable situado ao sur do complexo hospitalario da Choupana “para prever novas ampliacións e evitar que en 15 anos esteamos de novo na casilla de saída”.

O seu portavoz, Gonzalo Muíños compareceu en rolda de prensa para explicar os detalles do plan de actuación que os socialistas, explican, xa puxeran en marcha durante o seu mandato: “cedemos á Xunta unha parcela de 3.500 metros cadrados para a construción dun aparcadoiro, a 50 metros do hospital, ao carón do CEBEGA, con 420 prazas”. Unha solución “realista” e que ofrece unha resposta “inmediata” froito do traballo previo.

Insiste Muíños en que o aparcadoiro que se propón nesta parcela se podería facer “a curto prazo” e cun “orzamento asumible se hai vontade política desde a Xunta”. Precisamente, neste sentido a concelleira Mercedes Rosón asegurou que é “moi revelador” que para a ampliación do edificio administrativo da Xunta, en San Caetano “si haxa orzamento, se liciten unhas obras e tempo récord e se executen con dilixencia” e que, para crear prazas para os usuarios dun hospital público” non haxa “nin interese nin orzamento”.

“Nas prioridades orzamentarias da Xunta están os despachos e as oficinas, pero non facilitar o acceso das persoas que van a un hospital” afeou Rosón a unha actitude por parte da Xunta de Galicia que cualifica de “sorprendente e decepcionante”.

Optimizar as prazas actuais e transporte colectivo para o persoal sanitario

Ao aparcadoiro de 420 prazas, sumaríanse dúas actuacións co mesmo obxectivo de ofrecer solución na maior brevidade. Recorda o portavoz dos socialistas que no propio estudo de mobilidade da Xunta se fala de que hai vehículos que poden permanecer varios días aparcados na zona sen rexistrar ningunha rotación, algo que “habería que evitar” explica Muíños, ao igual que o traslado do persoal sanitario: “a Xunta pode ofrecer aos traballadores do CHUS alternativas para chegar ao seu centro de traballo como transporte colectivo con partida desde aparcadoiros disuasorios”.

En todo caso, os socialistas insisten en sinalar á Xunta como “única administración con competencias” para organizar a mobilidade na contorna do centro hospitalario. Insisten ademais en que se trata, a de Santiago e Barbanza, dunha área sanitaria de 450 mil persoas. Uns datos ante os que, a veciñanza de Santiago, suporía arredor dun 20% do total de pacientes do CHUS.

Uns datos que, segundo Muíños, “tiran por terra as escusas de mal pagador que desde o SERGAS se intentan poñer alegando que os problemas de mobilidade se solucionan con máis autobuses”. “Queren convencernos de que unha persoa, cunha doenza, vai en autobús a súa revisión. Ou que un paciente de Arzúa, de Val do Dubra, de Silleda ou de Padrón vai ao CHUS no autobús urbano” afea o edil socialista cualificando estes argumentos de “broma de mal gusto”.

Muíños que abronca tamén ao portavoz do Partido Popular en Raxoi logo de que propuxera a creación de 2.100 prazas. Pregúntase o socialista polos prazos, o financiamento “moito máis elevado que a proposta que nós presentamos”, e polo papel que Borja Verea está xogando neste asunto como deputado do Parlamento: “sendo deputado como é, sendo do Partido Popular que goberna este país, e sabendo que é competencia da Xunta ofrecer unha solución para o CHUS, o señor Verea vai a seguir de brazos cruzados?”.

Prepararse ante futuras ampliacións

Paralelamente, os socialistas propoñen que se traballe na ampliación da parcela do hospital clínico co desenvolvemento do sector de solo urbanizable SUD 9-10, toda vez que a superficie edificable da parcela na que se sitúa o CHUS xa foi excedida coas sucesivas ampliacións.

“Tendo claro que a prioridade debe ser que o noso centro hospitalario siga sendo a referencia da sanidade galega”, explica a que fora responsable de Urbanismo, “temos que crear as circunstancias propicias para que o CHUS siga medrando” aínda que coa “previsión suficiente” para evitar que a situación actual se repite.

Para isto, explica, ten que mellorarse tamén o acceso desde o periférico na avenida de Xosé Filgueira Valverde e completar o enlace coa rúa Choupana: “en 24 anos que ten o hospital clínico vivimos varias ampliacións, e a previsión é que continúe a ser así, o que nos obriga a pensar tamén a longo prazo”.

Sobre a alternativa dos ‘leiraparkings’, Rosón amosou certo escepticismo ao tratarse de “solucións provisionais que rematan durando máis do que se espera de algo temporal”, e non oculta a súa preocupación por que “esta solución provisional remate sendo a escusa para que a Xunta non faga o aparcadoiro”.