As crianzas teñen a oportunidade de asistiren na vindeira semana a unha sesión de contacontos que terá lugar na biblioteca municipal Victoriano García Martí ao abeiro do programa Ler Conta Moito.
Esta actividade desenvolverase no 24 de outubro, ás 18.00 horas, para conmemora-lo Día das Bibliotecas, tal e como apunta a concelleira da Cultura, Patricia Lojo, quen engade que este tipo de accións buscan inculca-lo hábito lector en idades temperás ao tempo que se lles ofrecen propostas lúdicas adaptadas ás particularidades do outono e do inverno.
Contoaventuras: a fascinante historia do libro ofrece unha viaxe que arranca en Exipto coa visita a unha pirámide, o encontro cunha momia, o descubrimento do segredo dun cofre e a maxia de Isis… O periplo avanzará ata rematar nun castelo medieval na procura dun dragón a quen lle interesa escoitar contos do mesmo xeito ca a outras moitas criaturas fantásticas.
O acceso é libre ata completa-la cabida.