O Concello pretende financiar un investimento superior a 1,8 millóns de euros con cargo á liña crediticia aberta polo organismo estatal, dotada con 100 millóns
O pleno de San Sadurniño celebrarase este venres a partir das 11:00h
O Instituto para Diversificación do Aforro e a Enerxía (IDAE), dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, publicou no mes de xullo a convocatoria de financiamento para proxectos singulares de renovación das redes de iluminación pública de titularidade municipal. O programa está dotado con 100 millóns de euros que se distribuirán en forma de préstamos a dez anos sen xuros para financiar actuacións de modernización coas que acadar o máximo aforro enerxético. San Sadurniño pretende acollerse ao plan estatal solicitando 1,8 millóns de euros, unha cifra que polo seu importe esixe que a solicitude sexa ratificada polo pleno. Neste sentido, o Concello convocou para as 11:00h deste venres 20 de outubro unha sesión extraordinaria de carácter urxente que levará este asunto como principal tema da orde do día.
San Sadurniño elaborou nos últimos meses unha auditoría sobre o estado do alumeado en todo o territorio que cifra en 2.170 os puntos de luz repartidos polas parroquias e a zona urbana. Se ben nos últimos anos se foi acometendo unha progresiva renovación da rede, o estudo reflicte que nestes momentos hai 164,50 kW de potencia instalada que se traducen en 720.513,94 kWh de consumo ao ano…e nunha factura que supera os 108.000 euros.
Tras analizar a realidade técnica, a auditoría propón levar a cabo, entre outras actuacións, a unificación de liñas, a instalación de novos cadros de mando que permitan o control a distancia, a substitución de antigas lámpadas por modernos dispositivos led con potencias axeitadas a cada zona, etc. Un proxecto, en definitiva, que non se limitaría a “cambiar bombillas”, senón que implicaría mudar a práctica totalidade da infraestrutura.
O cambio mantería exactamente os mesmos puntos de luz, pero a potencia instalada necesaria reduciríase a 77,4 kW, o consumo baixaría dos 720.000 a 248.000 kWh anuais e, cos prezos actuais da enerxía, a factura da luz pasaría de 108.000 euros a tan só 37.300. É dicir, lograríase un aforro en enerxía dun 65,5%, ademais de estar reducindo as emisións de gases de efecto invernadoiro e a contaminación lumínica proxectada ao ceo e as vivendas.
Porén, para aforrar primeiro hai que investir. Concretamente 1.846.627,33 euros, cifra na que está orzamentada a renovación de toda a rede repartida ao longo e largo dos case 100 km² de territorio municipal.
O Concello agarda poder obter o préstamo do IDAE para acometer o proxecto dunha tacada, volvendo despois o importe nun prazo máximo de 10 anos -o primeiro de carencia- sen ningún tipo de xuro nin outros custes asociados, como son as comisións de apertura, estudo e cancelación do crédito. O ente estatal opta pola fórmula crediticia e non pola da subvención porque entende que, en termos xerais, o aforro conseguido polos concellos permitirá amortizar o investimento “nuns sete anos, en condicións normais de prezos da electricidade”.
A convocatoria abriu o pasado 12 de setembro dándo até este 24 de outubro para que os municipios presenten as súas solicitudes. Un tempo moi axustado que requiriu acelerar durante o verán a preparación da documentación e tela lista en prazo para rexistrala.
Ademais, tamén é obrigatorio que a solicitude de participación no programa pase polo pleno -de aí a urxencia da convocatoria da sesión deste venres-, tal e como se apunta no informe previo elaborado pola Secretaría-Intervención municipal.
O documento elaborado por este departamento vén explicar que o consistorio ten capacidade económica suficiente para asumir o préstamo, pero que por mor da súa contía, que supera en máis dun 10% os recursos ordinarios municipais, ten que ser o máximo órgano de representación municipal quen lle dea o visto e prace. O informe técnico ten carácter favorable, aínda que anota a pé de páxina a recomendación de “prudencia e contención no gasto” para non comprometer a estabilidade orzamentaria por mor da concertación do crédito.
Unha vez presentada a solicitude, o IDAE asignará os préstamos económicos mediante un procedemento de concorrencia competitiva, é dicir, analizando e puntuando a calidade de todos os proxectos que cumpran os requisitos, entre os cales se distribuirán os 100 millóns de euros dispoñibles.