A licitación parte dun prezo de 142.100 euros para catro anos de servizo
A empresa adxudicataria deberá limpar unha ducia de espazos públicos dedicando ao contrato un mínimo de 2.030 horas anuais
O procedemento de contratación tamén puntuará a oferta dunha bolsa de horas a maiores para atender limpezas extraordinarias
Ata as 23:59h do próximo 31 de outubro estará aberto o prazo de presentación de ofertas para a contratación do servizo de limpeza de todas as instalacións municipais do Concello de Moeche. A plataforma de contratación co sector público acaba de publicar a súa licitación por importe de 35.525,01 euros anuais, IVE incluído, cunha vixencia inicial de dous anos ampliables por acordo das partes por outros dous anos máis, de maneira que o prezo base das ofertas ascende a 142.100,04 euros. Nos pregos técnicos indícase que a empresa adxudicataria deberá limpar unha ducia de espazos, entre os que destaca a incorporación ao contrato das instalacións do centro de transformación agroalimentaria A Fusquenlla e do novo centro sociocultural que se está construíndo en Labacengos, ademais da ampliación de horas destinadas á limpeza do centro social de Abade e do castelo de Moeche.
Para a redacción dos pregos técnicos avaliáronse as necesidades de limpeza dos recintos públicos tendo en conta a superficie, o mobiliario e tamén a intensidade do uso que se lles está dando. O cómputo anual de horas necesarias para facer o traballo encabézao o CEIP San Ramón, con 595 horas, seguido da Casa do Concello, á que se lle deberán dedicar 325. Outros lugares establecidos no contrato son o polideportivo municipal -295 horas-, o recinto feiral -162-, o castelo de Moeche -160- e os locais sociais do Pereiro (a parte non cedida), o de Abade, o centro cultural Franciso Piñeiro e o novo centro cívico Lapatiencos, que suman un total de 238 horas con tempos de limpeza que varían en cada un deles.
A maiores destes locais, no contrato tamén se inclúe unha bolsa anual de 35 horas para repasar o centro de transformación A Fusquenlla, xa que cómpre ter en conta que as limpezas diarias deben facelas as persoas usuarias por razóns de hixiene e seguridade alimentaria. Outras 130 horas/ano dedicaranse á recollida e limpeza posterior ás feiras bimensuais, mentres que as 90 horas restantes até completar a bolsa total de 2.030 horas que como mínimo deberán ofrecerse por cada ano de contrato investiranse na limpeza das instalacións auxiliares da piscina municipal e da área recreativa de Soutogrande.
As prescricións técnicas detallan as frecuencias en que se terá que prestar o servizo -diarias, semanais, mensuais ou en datas concretas- indicando en practicamente todos os casos un calendario regular de varridos, fregados e adecentamento de mobiliario e fiestras, xunto con dúas limpezas xerais ao ano.
Os pregos tamén apuntan que o Concello poderá solicitarlle á adxudicataria servizos non reflectidos no contrato, como pode ser a limpeza posterior a eventos de carácter extraordinario. O custe deses labores puntuais compensaríase cunha bolsa de horas que as empresas poderán ofertar como mellora, ou ben aboando o seu importe segundo o prezo/hora ofertado na licitación.
O contrato adxudicarase mediante un procedemento aberto simplificado que valorará con ata un máximo de 100 puntos tres aspectos principais. Neste sentido poderán obterse ata 70 puntos pola oferta económica, outros 25 máis por incrementar a bolsa para necesidades extraordinarias (sen sobrepasar as 160) e 5 puntos por contratar persoas demandantes de emprego para a prestación do servizo, ademais do persoal subrogado.
En caso de empate aplicaríanse criterios sociais para elixir a proposta ganadora, como por exemplo a porcentaxe de mulleres no cadro de persoal, o feito de contar con persoal con discapacidades ou en situación de exclusión social, ou que a empresa teña unha menor proporción de contratos temporais. Se aínda así houbese dúas ou máis ofertas coas mesmas puntuacións, o desempate decidiríase por sorteo.
Todos os aspectos administrativos e técnicos da licitación poden consultarse nesta ligazón. O contrato terá unha duración máxima de catro anos, dous iniciais máis outros dous con renovación anual por acordo entre o Concello e a empresa que resulte adxudicataria. O prezo base da licitación para todo ese período ascende a 142.100,04 euros, impostos incluídos, que as firmas do sector interesadas en concursar poderán reducir nas súas ofertas, sempre que non incorran en baixas temerarias (prezos moi por debaixo dos de mercado que non se poidan xustificar obxectivamente). O prazo para formular propostas finaliza ás 23:59h do próximo 31 de outubro. O trámite ha de facerse obrigatoriamente por vía electrónica.