Friday 22 de November de 2024

A Laracha será un dos cinco concellos galegos que presentará en Santo Tomé e Príncipe Proxectos de éxito en xestión ambiental


Os concelleiros José Ramón Martínez Barbeito e Rocío López explicarán os contidos do programa ‘Alanat’ e outras iniciativas municipais en material medioambiental.

A próxima semana celebrarase na Rexión Autónoma do Príncipe -illa centroafricana pertencente a Santo Tomé e Príncipe- o IV Foro de Cooperación Municipalista da Lusofonía que organiza o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade -co apoio da Xunta de Galicia- baixo o lema ‘Gobernanza local para o desenvolvemento sostible’. Os obxectivos son promover o intercambio de experiencias na xestión municipal, incrementar o coñecemento sobre a realidade do Sur Global e fomentar alianzas internacionais.

A Laracha será un dos cinco concellos galegos participantes, estando representada nas figuras do tenente alcalde e edil de Medio Ambiente, José Ramón Martínez Barbeito, e da concelleira de Servizos Sociais, Rocío López. Nas sesións do evento sobre ‘Desafíos da gobernanza e instrumentos innovadores para o desenvolvemento sustentable’ e ‘A coordinación sectorial para o equilibrio económico, social e sustentable’, exporán as claves da xestión municipal en materia medioambiental, centrándose especificamente no proxecto ‘Alanat’ e na primeira actuación piloto que está prevista na área verde do parque empresarial. Outras iniciativas que se detallarán son a posta en valor da Ribeira de San Fins, o proxecto de creación dun centro de transformación agroalimentaria en Cumiáns e as boas prácticas municipais en materia de recollida de residuos sólidos urbanos.

Cabe lembrar que no pasado mes de setembro o presidente da Rexión Autónoma do Príncipe, Felipe Nascimento, visitou A Laracha para interesarse tanto polo programa ‘Alanat’ como polo funcionamento do punto limpo precisamente nos actos previos á celebración do foro.

O Fondo Galego

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 99 concellos -entre eles, A Laracha- e as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur Global e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Recoñecido como axencia municipal da cooperación galega, o Fondo Galego vén de cumprir 26 anos tendo apoiado uns 200 proxectos en máis de trinta países e promovendo numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur e a Axenda 2030.