Friday 22 de November de 2024

A Xunta investirá o próximo ano 17 M€ na Área da Coruña en actuacións de vivenda, solo empresarial e urbanismo


— Ángeles Vázquez avanza que en 2024 se destinarán 7,9 M€ a reforzar o parque residencial da cidade da Coruña con novas vivendas públicas e protexidas, á rehabilitación dos edificios adquiridos no marco do Rexurbe e á reparación de VPP

— As áreas industriais de Morás, en Arteixo, e de Bértoa, en Carballo, recibirán 5 M€

— Os concellos da área coruñesa terán á súa disposición 2 M€ do Plan Hurbe para obras de humanización urbanística, preto de 1 M€ para redactar os seus planeamentos e case 1 M€ en traballos de mellora no edificio do Laboratorio de Medio Ambiente

A Xunta de Galicia investirá o próximo ano nos concellos da área coruñesa un total de 17 millóns de euros en actuacións en materia de vivenda, solo empresarial e urbanismo.
Así o indicou esta mañá a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, que aproveitou a súa presenza en Abegondo para facer un avance das contas do seu departamento nesta comarca e anunciar algúns dos principais investimentos previstos para o vindeiro ano nas materias da súa competencia.
A vicepresidenta explicou que desta contía global a partida máis importante, 7,9 millóns de euros, corresponde a actuacións no eido residencial, en resposta ás necesidades que presenta a zona desde este punto de vista.
En concreto, indicou que se reservan 5,4 millóns á construción de 138 vivendas de promoción pública (VPP) no Xuxán (antigo Parque Ofimático) e 1,6 millóns en axudas para construír 50 vivendas en edificios enerxeticamente eficientes destinadas a alugueiro no mesmo barrio, promovidas neste caso polo Concello.
Así mesmo, no eido da rehabilitación residencial, Vázquez Mejuto confirmou que a Xunta seguirá apostando polo programa Rexurbe, no marco do cal o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) adquiriu 2 edificios co fin de recuperalos e destinar as vivendas resultantes a alugueiro a prezos accesibles, uns traballos aos que destinará o próximo ano 400.000 euros. Tamén haberá unha partida de 450.000 euros para labores de mantemento no parque de vivendas propiedade do IGVS.
No que respecta aos investimentos previstos para atraer novas empresas á comarca e facilitar o acceso a solo industrial de calidade e con todos os servizos, a vicepresidenta anunciou 5 millóns de euros coa seguinte distribución: 3,2 millóns para o parque empresarial de Morás, en Arteixo, e 1,8 millóns para o polígono de Bértoa, en Carballo.
Así mesmo e tras insistir na importancia de seguir apostando polo urbanismo responsable, explicou que o vindeiro ano o seu departamento seguirá apoiando neste sentido ás entidades locais galegas.
Por un lado, referiuse ao Plan Hurbe, impulsado pola Xunta no ano 2010 e que en 2024 porá á disposición dos municipios coruñeses 2 millóns de euros para cofinanciar actuacións de humanización urbanística e mellora de equipamentos públicos, e por outro, adiantou que haberá preto de 1 millón de euros consignado para axudar aos concellos na elaboración dos seus planeamentos urbanísticos.
Finalmente, Vázquez Mejuto referiuse a unha última actuación na cidade da Coruña aínda que de transcendencia para o conxunto da Comunidade: os traballos de mellora e optimización das instalacións do Laboratorio de Medio Ambiente de Galicia, con actuacións previstas tanto dentro do edificio como na propia envolvente exterior.