A voceira do goberno municipal, Míriam Louzao, deu conta esta mañá en rolda de prensa do dispositivo despregado no día de onte para facer fronte á “situación excepcional” provocada polas intensas precipitacións caídas na cidade. Neste operativo especial, que se manterá activo ao longo do día de hoxe, participaron 50 persoas das empresas concesionarias Viaqua e Urbaser así como efectivos da Policía Local e dos Bombeiros que realizaron máis dunha veintena de intervencións. A alcaldesa e varios membros do executivo municipal desprazáronse ás zonas afectadas polas chuvias para seguir as actuacións.
Míriam Louzao sinalou que a cifra de 40ml/m de auga caída no día de onte proporcionada pola Axencia Galega de Emerxencias “está entre os índices máis altos que se atopan no rexistro se atendemos ao histórico de precipitacións en Santiago”, polo que se trata dunha “situación excepcional” que provocou algunhas incidencias xa que “a rede de sumidoiros non está dimensionada para unha caída de precipitacións desta intensidade”.
A voceira informou de que “desde o 1 de outubro Viaqua e Urbaser estaban a desenvolver o encargo de realizar o traballo, de xeito coordinado, para a retirada de follas de árbores e de limpeza de sumidoiros, polo que os sumidoiros estaban limpos e esta non foi a causa dos asolagamentos”.
Como causa destas incidiencias, Míriam Louzao tamén aludiu a “problemas de carácter estrutural nas canalizacións de augas pluviais, que veñen de décadas atrás sen resolver, e provocan problemas de asolagamentos en localizacións concretas”, un total de “22 puntos conflitivos” segundo o último informe de Viaqua, así como a existencia dun “problema derivado da utilización de materiais non permeables na construción de obras públicas, como acontece na avenida de Lugo coa obra realizada recentemente pola Xunta”.
O dispositivo mantererase activo mentres continúen as incidencias detectadas e ao longo do día de hoxe, a modo preventivo, permanecerán pechados os parques, os paseos fluviais e todas as instalacións deportivas da cidade.
Datos do operativo
En total, despregouse no día de onte un operativo de 30 persoas a maiores dos 20 efectivos de recollida de residuos que tamén axudaron a levantar e colocar os colectores desde as 16.00 ás 4.00 da madrugada. Ademais, a Policía Local e os Bombeiros realizaron máis dunha vintena de intervencións entre as sete da tarde e as nove da noite de onte.
O punto máis problemático foi a rotonda de Fontes de Sar, onde se formaron bolsas de auga que chegaron a deixar bloqueados oito vehículos onte pola tarde e que volveu requirir a presenza dos bombeiros en dúas ocasións esta mañá.
Debido ás fortes chuvias tamén se produciu un desprendemento de terra no Camiño da Ameixaga, na contorna do Seminario Menor de Belvís. Míriam Louzao sinalou que desde o departamento de Urbanismo están a elaborar un informe sobre os desperfectos deste muro”, logo dunha inspección realizada esta mañá para que a propiedade proceda ao seu arranxo.
Ademais, a voceira informou da actuación dos bombeiros na rotonda do Restollal e no Castiñeiriño por mor de bolsas de auga na rede viaria, e en numerosos puntos como a rúa da Estrada, o Restollal ou a Avenida de Lugo para recolocar tapas de sumidoiros. En canto aos anegamentos, rexistráronse incidencias no túnel das Cancelas, no parking de Santiago de Chile, en establecementos comerciais de Santiago de Chile e Frei Rosendo Salvado, en Casas Reais, na rúa das Hortas e en San Clemente.
Tanto a alcaldesa Goretti Sanmartín como o concelleiro de Obras, Xesús Domínguez, e o de Seguridade, Xan Duro, desprazáronse onte e hoxe a estas localizacións afectadas para seguir de preto os labores de control destinados a aliviar os danos producidos polas precipitacións.