O Concello incrementará o cadro de persoal da Policía Local coa incorporación de 7 novos axentes. Neste momento xa está aberto o proceso para a incorporación de 2 policías mediante o procedemento de mobilidade. As outras 5 prazas cubriranse cunha oposición libre, para a que se abrirá o prazo de presentación de instancias nos próximos días.
Neste momento, debido ás trabas burocráticas impostas pola Xunta de Galicia, os concellos galegos teñen importantes dificultades para a contratación de novos axentes de Policía Local. Ademais de non posibilitar substitucións en caso de baixas e de retrasar as incorporacións das persoas que ganan as oposicións pola escaseza dos cursos formativos necesarios previos, a apertura da mobilidade de axentes entre concellos favorece que se produza unha continua perda de efectivos policiais nos municipios de menos de 50.000 habitantes, en beneficio das cidades.
Para obter máis información sobre estes procesos de contratación, as persoas interesadas poden dirixirse á área de recursos humanos da web municipal: https://www.oleiros.org/recursos-humanos